15 feb 2012

A Galiña Azul privatizase en Betanzos e a CNT opina.

Nestes ultimos tempos escoitamos nos medios falar das escolas infantís "A Galiña Azul", escolas que van ser privatizadas polos actuáis gobernantes do PP na Xunta de Galicia. O BNG local ten sacado comunicados criticando a privatización das aínda non estreadas instalacións de Betanzos . E non lles falta razón, por suposto.

A Sección Sindical da CNT denuncia a situación:

É ben sabido que o persoal que traballa para a Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar carece de convenio propio. A administración que xestiona entre outros servizos, á rede de escolas infantís Galiña Azul, négase a escoitar as nosas demandas mentras non deixa de esixir e reprimir. A xerencia do consorcio atenta constantemente contra a nosa intelixencia, facéndonos crer ao persoal e ás familias que estamos nunha rede pública de escolas, onde todas as persoas usuarias teñen os mesmos dereitos.
Mais a realidade depende do que entendamos por “público”. Se entendemos que os nosos impostos utilízanse para cuestións tan necesarias como a sanidade ou a educación, pensaremos entón que iso é algo que xa temos dabondo pagado. Volver a gastar cartos só pode chamarse RE-PAGO. Ademáis está o tema do control, pois quenes facemos funcionar os servizos temos moi pouca marxe para a súa xestión, e máis aínda se falamos dun sector educativo considerado meramente asistencial, ao que se lle nega a posibilidade de negociar un convenio, con decretazos a base de regulamentos internos que só responden a ordes vertidas por quenes están moi lonxe de coñecer de preto a cotidianiedade escolar, e que ademáis teñen outros intereses. Daquela, na realidade, non nos atopamos ante unha rede de escolas pública. Senón máis ben en pleno proceso de privatización e control total por parte do organismo autónomo (in)competente.

Mencionemos algúns puntos que describen esta situación:

A escola pública non é gratuita: as familias poden chegar a pagar bastante máis de 100€ ao mes para que os seus fillos e fillas poidan asisitir a unha escola da rede. Ademáis desta mensualidade segundo a renda, cada familia ten que desenbolsar entre 15 ou 20 euros en material funxible ao inicio do curso. Pero o consorcio fai un exercicio de presunción contínua sobre o número de escolas que aumentan a cifra de centros pertencentes á rede. Abre escolas sen parar, xa nin precisa convocar prazas públicas, tira de interinidade ou privatiza sacando a xestión a concurso; pero mentras tanto non dota de material ás xa existentes. Dende que as antigas galescolas, agora galiña azul, naceron hai uns anos, as escolas non sustituiron o material co que comezaron, por suposto non se compraron novidades, e algún outro, nunca o houbo. A pesares de que existe un currículo educativo que hai que cumprir, o persoal das escolas que somos na realidade quen traballa día a día coas crianzas e familias, temos o dilema de prantarnos por non poder realizar o noso traballo sen o material necesario, ou ben gastar do peto para que a escola siga en marcha. Dende xoguetes ata material de oficina, pasando por mobiliario, cámaras, batidora, teléfono, plastificadora, fotocopias, cubertos, e incluso afrontar económicamente os desperfectos.... As traballadoras facemos aportacións para que na escola falte o menos posible. Entón, se nós facemos funcionar o centro e mesmo o financiamos en parte, deberiamos ter unha marxe na xestión, na organización e na toma de decisións que nos afectan, moitísimo maior da que temos actualmente. Daquela as escolas serían máis públicas.

A falacia creada polo “estado de benestar” en torno á visión da escola como instrumento asistencial de conciliación da vida familiar e laboral, negando a importancia da educación durante os primeiros anos da infancia; está a desembocar nunha ruptura case total das relacións familiares e da vida privada : 1º porque os horarios dos centros dificultan a propia calidade de vida das persoas que traballan neles (como todas as empresas que ofertan amplitude de horarios en detrimento da vida privada dos traballadores); 2º porque por conciliar non se entenden só os casos lexítimos de reducción da xornada laboral en beneficio da vida familiar; senón que as escolas son utilizadas como ferramenta de “conciliación”, ou sexa, ter un lugar onde deixar aos fillos e fillas mentras se está no posto de traballo; obviando a relación educativa entre crianza, familia e escola. O abusivo sistema de producción capitalista necesita que as persoas teñamos xornadas laborais cada vez máis longas para que sigan a enriquecerse os darriba á nosa costa. Ao final, o que ocorre é que nais e pais pasan cada vez menos tempo cos seus fillos e fillas, e non é esaxerado dicir que nalgúns casos as crianzas pasan máis horas nas escolas que nas súas casas. Porque bañarse, cear e acostarse non son momentos suficientes para pasar con mamá e papá. Entón, fomentar horarios desmesurados nas escolas, poñendo uns límites de entrada e saída que pouco lle falta para ser un 24h, e por riba chamarlle a iso "a demanda", é querer quedar ben prestando un servizo que nós deberiamos ser as primeiras en desaconsellar. Todo isto para xerar un conformismo social ante a cada vez maior imposición do estado por sustituir ás familias no eido educativo. Pois hoxe en día vése con total normalidade o feito de escolarizar ás crianzas a unha idade cada vez máis temperá. Á presión sobre a muller para que "elixa" entre traballo e crianza, e á ausencia de presión sobre o home para que actúe coa corresponsabilidade que lle corresponde, súmase o incremento do nivel de vida, que da como resultado unha ficticia necesidade de delegar noutras persoas a educación dos nosos fillos e fillas, mentras a clase traballadora produce ilimitadamente. Sobre como a escola debe acompañar no proceso educativo ás familias, e non sustituilas, pois educar e escolarizar non significan a mesma cousa, debemos facer unha profunda reflexión para mudar as nosas prioridades.

O control do consorcio sobre as vidas alleas: os horarios que establece o RRI das escolas infantís para o tramo central da xornada (xantar/sestas ou recollida), están totalmente desvinculados da realidade familiar e escolar. Ademáis, teñen unha consecuencia negativa sobre os ritmos naturais das crianzas, que ven relegadas as súas necesidades máis básicas á estructura da vida adulta, entrando nunha espiral que perpetúa o arraigo dunha sociedade consumista que só sabe producir e non vivir.

Como se pode observar no documento do RRI se establecen uns horarios de comedor e sesta por idades (ARTIGO 25. HORARIOS E APERTURAS) :

establécense os seguintes horarios de recollida:

a) Usuarios/as sen servizo de comedor
a. 0-1 anos: 13.00 horas
b. 1-2 anos: 13.00 horas
c. 2-3 anos: 13.30 horas

Todo/a neno/a que permaneza na escola mais alá das horas sinaladas anteriormente, terá que xantar na escola.
b) Usuarios/as con servizo de comedor
a. 0-2 anos: 13.30 horas
b. 2-3 anos: 14.00 horas
Todas aquelas crianzas que permanezan na escola más ala do horario establecido terán que seguir coa organización educativa establecida na escola e que se corresponde co momento de descanso, polo que con carácter xeral, o horario de recollida das mesmas será a partir 15.30 horas.

Este texto, que nunca foi consensuado co persoal que vivimos o día a día na escola, nen coas familias, non ten sentido ningún; pois aparte de negar a necesidade natural de comer ou durmir (sobre todo nos bebés), pon un límite na liberdade de acceso ao centro das familias que en calquera momento quixeran recoller ás súas crianzas para estar con elas. Ademáis deste intento de control das vidas familiares,estes horarios absurdos conlevaron un impresionante aumento do números de nen@s que agora "teñen" que comer/durmir na escola. O efecto dominó continúa, pois a maior número de crianzas, peor atención educativa; como si as ratios increiblemente legais non foran xa o suficientemente imprudentes.

A escola convírtese neste tramo da xornada nun cárcere do que é imposible escapar e ao que é imposible acceder. Tal masificación implica un desgaste para o persoal ao cargo, e unha contínua frustración para as crianzas, que ademáis de estar lonxe da casa e da familia, agrúpanse amoreadas en espazos inadecuados para semellante número de persoas; vendo mermada a satisfacción das súas necesidades educativas e afectivas.

O mes de vacacións: O RRI establece que as crianzas deben disfrutar obrigatoriamente dun mes de vacacións, ata o de agora o marcaba a propia familia cos seus propios criterios. Neste curso 2011-2012, despois de finalizarse os trámites de solicitudes, matrículas e correspondentes horarios, o consorcio publica unha modificación do RRI que anuncia o peche das escolas en agosto (pto nº 2 do artigo 25). Consecuencias? Outra vez recaen no persoal, nas crianzas e nas familias, que tras organizar as súas vidas privadas, teñen a obriga de adecuar os seus horarios, vacacións e en definitiva, as súas vidas ás ordes do consorcio. Que vai a ocorrer con este anunciado peche? Pois que nenos e nenas que xa disfrutaron das súas vacacións noutro mes xunto as súas familias, que á súa vez, organizaron a súa vida laboral e privada en torno a ese mes de vacacións programado ou xa difrutado, se atopan agora con que a xunta non lles cubre o servizo durante un mes que teñen que traballar, buscar traballo ou que optan por compartir a educación do seu fillo ou filla coa escola, sen máis. A solución que ofrece o consorcio ante a repercusión que este peche conleva non foi negociar coa comunidade educativa con antelación, para evitar facer as cousas mal e a destempo, non. Como solución se lles ocorriu, que "nalgúns casos" pódese ofertar a apertura dunha escola que chaman "de agarda", sen establecer ningún tipo de criterio para a súa organización. Todo un tinglao sin garantías de ningún tipo, que basean na suposta demanda, e pasando pola obrigatoriedade de xustificar ceremonialmente a necesidade que as familias teñan de deixar ás súas crianzas na escola durante o mes de agosto, cousa que non tiveron que xustificar en abril, por exemplo. Non falemos das persoas que grazas ao marabilloso sistema económico que temos, carecen dun contrato que satisfaga as ansias burocráticas das intitucións. Consecuencias para as nenas e nenos? Pois que terán que asistir a unha escola diferente á que acuden o resto do curso. Espazos, nenos, nenas e profes diferentes ao seu redor; e logo o consorcio atrévese a defender a importancia do período de adaptación. Consecuencias para o persoal? Pois aparte de ter que trasladarse a outro centro de traballo que non é ao que accederon mediante oposición ou interinidade, acabouse poder elexir ou negociar o propio período vacacional.

Estes son os puntos máis polémicos do regulamento que rixe a rede de escolas, onde traballamos centos de persoas, que vemos negados os nosos dereitos a negociar un convenio que regule este ámbito concreto do sector educativo; pero que sen embargo somos coaccionadas, mediante un documento que pretende regular as nosas condicións laborais de xeito fraudulento.

Agora é noticia a privatización das escolas infantís, a saída á concurso da xestión dos novos centros xa é unha realidade; así como a amortización de postos de traballo noutros centros xa existentes. Mais o proceso privatizador comezou hai tempo: coa ausencia de convenio propio, coas condicións laborais marcadas a golpe de RRI ou chamada telefónica ás direccións das escolas, coa falta de recursos materiais , co retraso ou ausencia de substitucións, etc... Se isto pasa na escola pública dirixida pola administración da Xunta, ata onde pode chegar o recorte de dereitos que traerá consigo a arbitrariedade implícita nos intereses da xestión privada? Non é difícil imaxinar por onde poderán ir os tiros...

Ante esta situación, a CNT tomará as medidas necesarias para porlle fin a esta dictadura á que somos sometidas.


No hay comentarios: