30 may 2008

Lucio Urtubia en Ponteareas



Lucio Urtubia ofrecerá unha conferencia dentro das Tardes Libertarias que se celebrarán en Ponteareas.

As actividades están organizadas polo Ateneo Libertario Lume Negro.


Lucio Urtubia será un dos protagonistas das Tardes Libertarias que se celebrarán do 30 de maio ao 1 de xuño en Ponteareas. O albanel anarquista que puxo en xaque ao sistema capitalista na década dos 80 ofrecerá unha conferencia no auditorio Reveriano Soutullo o 31 de maio na que achegará aos asistentes a súa experiencia vital.Antes da conferencia, o auditorio ponteareán acollerá a proxección de /Lucio/, o documental dirixido por José M.Goenaga e Aitor Arregui no que ambos directores mostran a vida de Lucio Urtubia a través de unha vintena de entrevistas a persoas vinculadas ao anarquista, entre as que destacan a do propio Lucio, a da súa familia e a de Bernard Thomas, o seu biógrafo e autor do libro /Lucio. El anarquista irreductible/. A película que se pasará en Ponteareas foi finalista no Festival de Cine de San Sebastián na categoría de documentais nesta pasada edición.

As Tardes Libertarias, organizadas polo Ateneo Libertario Lume Negro, abriranse o 30 de maio no auditorio coa estrea da representación ateatral A memoria das palabras, que será posta en escea polos propios membros do ateneo. A obra está artellada ao redor de frases pronunciadas por destacados personaxes da historia sobre relixión, política, poder, franquismo, liberdade e educación.

Ademais, ese mesmo día tamén vai actuar o Coro Libertario de Vigo e proxectarase a curtametraxe "Quico Sabaté".

As Tardes Libertarias contarán ademais coa presenza do historiador Dionisio Pereira que pronunciará a conferencia A Galiza libertaria antes do 36. O acto, que terá lugar o domingo 1 a partir das 18 horas no auditorio Reveriano Soutullo, serviralle ao especialista e autor de libros como A CNT na Galiza: 1922-1936 ou Sindicalistas e rebeldes: anacos da historia do movemento obreiro na Galiza para reflexionar sobre a situción que atravesou o anarquismo antes do golpe de estado de 1936.

O Ateneo Libertario Lume Negro, despois de máis de catro anos de actividad, pon en marcha estas actividades coa intención de servir de punto de encontro e de reflexión sobre as ideas libertarias dende unha perspectiva histórica pero tamén actual, facendo fincapé sobre a súa vixencia hoxe en día.

Así, o domingo 1 de xuño celebrarase no Reveriano Soutullo a mesa redonda Colectivos alternativos hoxe, na que participarán Precarias en loita, PreSOS Galiza e o Centro Social Autoxestionado O Fesco, e na que se reflexionará sobre as súas experiencias.*Precarias en loita* é unha na que participan persoas individuais próximas aos centros sociais vigueses:A Cova dos Ratos, Revolta, así como da A. X. Luar, ou G.A.S. e membros doutros movementos de base locais. A finalidade da mesma é procurar xeitos de denuncia e resistencia fronte á precariedade laboral e social do sistema produtivo imperante.

*Presos Galiza, un grupo constituído en 1990 no barrio de Vite por persoas, que pelexan contra o cárcere, os tratos inhumanos e degradantes, a exclusión social e calquera forma de privación de liberdade. Ofrecen asesoramento gratuito, apoio as familias, e denuncian as inxustizas carcelarias.

*Centro social au-toxestionado O Fresco: *Proxecto de autorganización xuvenil asambleario e horizontal que pretende ser un espazo de encontro para a difusión da cultura sen censuras para comezar a construir un mundo de persoas libres, que apliquen os principios revolucionarios de liberdade.

No hay comentarios: