5 jun 2009

Os Informaticos da CNT no SIEGA informan...

Hoxe no salón de actos nº2 do edificio de San Caetano, sede central da Xunta de Galicia, vense de celebrar a presentación das propostas que esta Sección Sindical da CNT elaborou como mellora do servizo informático no Siega (Informática da Consellaría de Educación e O.U.) e da calidade laboral do persoal que o sostén.
Arredor de 30 compañeir@s dos distintos departamentos e empresas acudiron a esta convocatoria que se prolongou durante aproximadamente 25 minutos onde o delegado da Sección Sindical Siega esbozou as liñas mestras das propostas así como as razóns e fundamentos que as motivan.
As propostas que facemos son as que seguen:
Implantación dun sistema de calidade do softwareSe cadra o obxectivo máis importante que se debería fixar esta nova Administración. A necesidade dun sistema de xestión de calidade semella bastante evidente, así, os modelos de avaliación e mellora de procesos e a súa estandarización, teñen un papel determinante na identificación, integración, medición e optimización das boas prácticas existentes na organización e no desenvolvemento do software. Neste sentido, aínda que o traballo realizado nos últimos anos permitiu traballar cun certo nivel de decencia pensamos que a implantación dun sistema de calidade estándar (SPICE) adaptado a este entorno permitiría recopilar e crear boas prácticas de traballo. A análise, implantación inicial e control sería realizada polo staff de calidade creado pola Administración a tal efecto.
Formación auto-xestionada polos traballadores e traballadorasEste tipo de formación xa se ten impartido no Siega, recordemos: Arquitectura e desenvolvemento J2EE, jreports, accesibilidade web, drupal, ajax, orientación laboral, optimización e axuste de sentenzas SQL. O propio persoal informático organiza accións formativas que se imparten ao resto de compañeiros/as. Poderiamos distinguir entre formación de interese para o traballo diario, a preparar e impartir en horario laboral, e formación de interese xeral que se realizaría fora do horario de traballo. Estos cursos terían asociado un recoñecemento (homologación) por parte da Consellaría.
Fomento e promoción do software libreNeste punto non só nos referimos á promoción das principais ferramentas de cara a usuarios/as e persoal da Consellaría senon á liberación e publicación daqueles estándares internos susceptibeis de ser reutilizados (básicamente os que non afecten á seguridade das aplicacións) noutros ámbitos non moi lonxanos como as propias Consellarías veciñas.
Racionalización dos horarios da franxa de servizo especialSegundo se establece nos concursos en vigor (DOG 17-10-2008) o horario laboral normal para o persoal subcontratado establécese de luns a venres de 8h a 15h, 35 horas á semana, e de 8:30h a 14:30h, 30 horas á semana en xullo e agosto. No entanto, a Consellaría dispón, por motivos de produción, dunha franxa horaria especial de 5 horas á semana que actualmente aplica de xeito cotiá. Desde aquí solicitamos que este horario se aplique de xeito racional naqueles casos onde realmente se precisa, para que sexa realmente efectivo e produtivo. Queremos lembrar que históricamente o persoal xa ven facendo estas prácticas extraordinarias de xeito voluntario cando as circunstancias así o requiren.
Establecemento de categoría e salario mínimosConsideramos que como mínimo calquera desenvolvedor do Siega realiza tarefas de analista-programador (seguindo a súa definición no convenio de referencia no sector TIC), mentres que os seus contratos refliten categorías e salarios variopintos. Nos pedimos á Consellaría que estableza esta categoría mínima nos concursos e presione ás empresas para que cumpran a legalidade neste punto. Isto significaría un certo recoñecemento do traballo e o establecemento dun salario mínimo de 22.993,74€ brutos anuais para tod@s.
Cumprimento da leiPor último, lembramos certos aspectos que marca a lei como obrigatorios e que tradicionalmente son deixados de lado. Resulta bochornoso o incumprimento nas aplicacións da Consellaría de Educación das políticas accesibilidade (Real Decreto 1494/2007) ou ao respecto da lingua, a falta de emprego dun galego coherente ou dunha linguaxe non sexista seguindo as premisas da igualdade de xénero (Lei Orgánica 3/2007). A isto poderiamos engadir outras lexislacións nas que deberiamos fixarnos tamén como a lei de protección de datos ou a prevención de riscos laborais para os traballadores e traballadoras.
Estas propostas foron elaboradas baseándonos na experiencia de traballo no Siega e nas opinións manifestadas por unha gran parte dos traballadores e traballadoras a través dunha enquisa feita a tal efecto pola Sección Sindical. Polo visto na presentación e polos comentarios que recibimos pensamos que teñen unha boa acollida.
Por último, comentar que están a ser amplamente difundidas entre o persoal informático do Siega e xa foron entregadas aos responsabeis do servizo. A pelota está agora no tellado da Consellaría. Agardamos pronta resposta.

No hay comentarios: