25 jun 2009

Pontevedra: Folga do Metal.


Nun conflicto así, non podíamos pasar sen poñer algo. Na provincia de Pontevedra temos moitos compañeiros neste sector. De momento son outros os sindicatos que levan a voz cantante, pero nós sabendo que cederán, temos que estar preparados para pouco a pouco organizar a todos os traballadores que están fartos de sindicatos atados por intereses alleos. De momento imos expresando o noso sentir.
Os traballadores do metal estamos a dar exemplo de loita ao mundo enteiro, agora somos a punta de lanza de algo máis profundo que a nosa propia loita, ou gañamos esta folga ou gañamos esta folga.
Deste xeito darémoslles unha esperanza e unha forma de loita @s traballador@s de todos os sectores.
Ao noso lado, na rúa, teñen que estar tod@s @s parad@s deste país, ao noso lado, na rúa, tod@s @s que poidan escapar unha hora do seu traballo, aprendendo e respirando o xeito de loitar. Vendo contra quen se enfrontan e quen manda, dun lado estamos @s traballador@s, e fronte a nós PATRONAL, ESTADO (a moi dialogante Xunta), e os seus CANS, vestido de azul ou provocándonos mezclados connosco. Con eles toda a súa maquinaria xornalística: directores de xornais, "analistas recoñecidos", todos acusándonos de violentos, acusándonos de acabar co traballo na provincia e afundir empresas. Cando un de nós morre no tallo nin sequera saímos na prensa, recordade que para eles é máis importante que un empresario peche que morran 1.000 traballador@s.
Que as nosas asembleas se extendan a todos os traballos, que os sindicatos non pinten nada, só a asemblea, este será o noso exemplo para o mundo. Logo xa colgarán as medallas os de sempre.
Hai moitas cousas das que os traballador@s temos que tomar conciencia e máis cando o paro cae sobre as nosas familias, dende a CNT cremos que estas son reclamacións irrenunciables para a clase traballadora:
Reducir a nosa xornada sen reducir os nosos soldos, as nosas vidas non son o traballo, as nosas vidas comezan despois. A reivindicación da CNT: 30 horas semanais.
Negarnos as horas extras, cada oito horas extras un traballador ten un dia de traballo. Aínda que nos doa no peto, temos que tomar conciencia de que traballando menos traballamos todos. Que as nosas horas extras son pan para hoxe, fame para mañá.
@s traballador@s do metal temos que controlar a quen se contrata e os tipos de contrato. É necesaria unha bolsa de contratación seria, que teña en conta as necesidades d@s traballador@s, que remate dunha vez cos enchufes e o amiguismo. E a asemblea de traballador@s é a que ten que controlar esta bolsa, non os liberados e empresarios.
Esta non é só a nosa loita, agora é a loita de todos, hai que ir xa cara a unha folga xeral, demostremos a nosa forza e solidariedade, paralicemos este pais xa.
NON ÁS HORAS EXTRA,
REDUCIÓN DE XORNADA SEN REDUCIÓN DE SOLDO. 30 horas.
LISTAS DE CONTRATACIÓN CONTROLADAS POL@S TRABALLADOR@S.
FOLGA XERAL INDEFINIDA ATÉ A VICTORIA TOTAL.
Traballadores da CNT-Metal. Pontevedra.

No hay comentarios: