12 ene 2011

As Pensions [formación]

Nos últimos tempos asistimos a un debate sobre a necesidade de reformar o sistema de pensións co cal se está empregando unha linguaxe deliberadamente alarmista (drásticos descensos do superávit, desequilibrio nas contas da Seguridade Social, etc), algo que viñemos vendo durante todo o ano 2010, primeiro referido ao balance de 2009 e depois, ao finalizar novembro, tamén ao de 2010. O que por contra ninguén explicou, é que no ano 1999 non habia nengún fondo no que gardar e rendibilizar o superávit da Seguridade Social, que se ia segundo viña, e con todo á clase política e empresarial daquela parecia-lle ben o sistema de pensións. Tamén a mediados da década que acaba de rematar, en plena "época de vacas gordas", rexistraban-se uns superávits similares aos de agora, e, igualmente, naquel momento parecia-lles ben a políticos e empresários o sistema de pensións vixente.

O Goberno fala agora da necesidade de cambiar o modelo produtivo e esgrime-o como argumento para cada paso antisocial que dá, e con todo rebaixou nos Orzamentos Xerais do Estado deste ano o investimento en I+D, área de investimento que permitiria modernizar o modelo produtivo español sen necesidade de sair sequera da lóxica capitalista, porque detrás de todo isto non hai máis que demagóxia orientada cara á manutención dos priviléxios de sempre, recortando tamén por onde sempre: entre os traballadores e traballadoras, en activo ou en paro, e en xeral entre os máis desfavorecidos. Proba diso é que entre tanto, aprobaron-se unha série de novos benefícios fiscais para as empresas, que para 2011 custarán-lle ás arcas públicas 230 millóns de euros, acordou-se eliminar a axuda de 426 euros a parados sen prestación nen subsídio, aprobou-se unha suba do IRPF e outra do IVE, impostos ambos que afectan moi directamente ao conxunto de traballadores... todo iso sen esquecer a Reforma Laboral máis agresiva para os traballadores e traballadoras en toda a história recente, na cal se dana moi seriamente a negociación colectiva, abaratan-se os despedimentos e fomenta-se o traballo a xornada parcial coa precariedade salarial que iso carrexará.

E agora toca cargar-se tamén o sistema de pensións, talvez porque España é un dos países onde menos negócio fai a banca cos plans de pensións privados, e seguindo a política que impera agora que hai crise, debe aproveitar-se esta escusa de ouro para facer que o diñeiro público pase a ser privado como sexa. Talvez, porque a conta da crise, que os Estados converteron en carta branca, estamos a asistir á liquidación dos poucos direitos e cobertura social que tiñamos os traballadores e as traballadoras, no que é un dos peores procesos de liberalización da economia vistos aquí e no resto de Europa.

Con ese fin dicer que o actual sistema de pensións é insustentábel. Convén, por tanto, aclarar algúns aspectos:

1. Durante as últimas tres décadas as arcas da Seguridade Social non deixaron xamais de estar en superávit. Dito doutra forma, durante o últimos trinta anos o montante total reportado en conceito de cotas que pagamos á Seguridade Social foi superior ao gasto total efectuado en pensións, subsídios e prestacións de toda clase. Ainda que é certo que a magnitude do devandito superávit tende á redución, estamos a dia de hoxe en niveis parecidos aos dos anos 2004-2006, nos que tan ben nos prometian que nos ia ir. Concretamente en 2010 o superávit foi de 11.100 millóns de euros.

Por mor do prolongado deste superávit, o Goberno creou no ano 2000 o Fondo de Reserva da Seguridade Social, no cal se ha ir "gardando" unha parte dese superávit. No ano da súa creación o Fondo tiña 604 millóns de euros; en 2009 alcanzou os 60.022 millóns de euros.

Segundo o informe anual máis recente (2009) da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións, dependente do Ministério de Economia e Facenda, o peso do Fondo de Pensións español sobre a economia do país situa-se nun 8,1% do PIB, unha das taxas máis baixas de entre os estados que figuran na mostraxe, que inclue maioritariamente países ricos. De feito, a média ponderada resultante de todas as taxas da mostraxe dá un 67,1% do PIB fronte ao, repetimos: 8,1 de España.

2. Convén lembrar que a reforma laboral (35/2010 de 17 de setembro) incrementará a intermiténcia das cotizacións para a pensión, ao incrementar a temporalidade e as traxectórias laborais descontinuas (emprego temporal - paro - emprego fixo - ERE ? paro ? emprego temporal ? paro - etc).

Así mesmo a tendéncia da temporalidade pasará de ser un "efecto idade", (os temporais son novos e chegados a certa idade tenden a ter contratos fixos, estatisticamente falando) a ser un "efecto xeración" estendendo a temporalidade a calquera idade e sector económico froito das desregulacións no mercado de traballo, sobre todo as recentes. O que provocará que a pensión resultante no momento da xubilación sexa de miséria.

3. Tanto aumentar a idade de xubilación como incrementar os anos para calcular a pensión supoñen un claro ataque aos direitos conseguidos polos traballadores e traballadoras ao longo das suas luitas: a primeira opción suporia dous anos menos de pensións traballando dous anos máis (ou o que é o mesmo: unha perda de catro anos); a segunda provocará que se incluan moitos tramos das traxectórias laborais descontínuas rebaixando a pensión ultima.

4. Coa reforma buscan pois, dous obxectivos: a) recortar o "salário diferido", é dicer a parte de salários pagada por cotizacións e que é devolta á xubilación e b) forzar a situación para promover a privatización das mesmas (independentemente que se incentiven por outras vias as privadas). Na medida que a clase traballadora vexa que a pensión pública que queda é moi baixa, exporá-se facer-se plans de pensións privados. É por esa via lenta pola que o capital financeiro pode fincar o dente a unha masa importantísima de capital que estaba "fóra de mercado" en mans da Seguridade Social e o Estado. Doutra banda, non nos esquezamos que as pensións privadas seguen sendo obxecto de importantes desgravacións fiscais desde hai moitos anos, e estas desgravacións nunca se tocan.

As nosas alternativas:

Ainda desmontando bastantes dos tópicos que tentan vendernos co fin de reformar o sistema de pensións ao seu gosto, podemos estimar que se deixamos o sistema actual intacto, a pensión média esborrallará-se, debido precisamente á situación do mercado laboral (temporalidade e precariedade que son mesmo právias á reforma laboral) por tanto é certo que haberia que facer certos cámbios no sistema, pero desde logo NON en base ás catastróficas predicións nas que se basean todas as propostas de reforma interesadas:

Se chega a haber problemas de financiamento, os devanditos problemas poderán-se financiar tamén con impostos como noutros países. Impostos ao capital financeiro de entrada, pero tamén eliminar os topes de cotización para as rendas máis altas (o que redundaria nunha redistribución máis xusta da renda) e abolir as desgravacións por sistemas privados de pensións: quen queira pensións privadas, que as pague do seu peto, que encima, como a crise puxo de manifesto, son máis inseguras que as públicas.

Ademais, desde o punto de vista dos ingresos -que no debate das pensións deixa-se sempre de lado, intocable- debe-se fomentar a incorporación da muller ao mercado de traballo: cunha taxa de emprego feminino similar á doutros países europeos, o número de cotizantes aumentaria o suficiente como para atenuar a presión demográfica en boa medida; ese fomento do emprego feminino pode-se facer via gasto social, con redes de escolas infantís e baixas de maternidade/ paternidade mellores. Isto non só seria mellor en termos de igualdade de xénero senón que aumentaria o emprego e con el o número de cotizantes. Pero ademais estimularia a natalidade, pondo as bases para atenuar nun futuro máis afastado novas presións demográficas.

Doutra banda, existe a necesidade de aumentar a produtividade do sistema: con máis produtividade, maior excedente, que coa fortaleza obreira suficiente, poderia ir destinado a pensións ou outro gasto social. Ese aumento da produtividade pode incentivar-se aumentando salários para que as empresas invistan en capitalizar a economia, e fomentando un cámbio de modelo produtivo afastado de sectores de produtividade mediocre como a construción e o turismo.

Para finalizar, entendemos que non se trata só de que non nos toquen a idade de xubilación, xa bastante alta, nin de que nos aumenten os anos de cotización senón que, ademais das medidas a curto-medio prazo que citamos, a clase traballadora debe, en paralelo, estabelecer unha crítica radical ao sistema capitalista que nos está colocando aos pés dos sacrosantos mercados co beneplácito do goberno de quenda. Os traballadores e traballadoras debemos seguir a senda da mobilización e a luita esbozadas o 29-S, que en non poucos lugares e sectores excedeu aos mornos sindicatos oficiais nas suas mobilizacións para, en definitiva, ir sentando as bases dun profundo cámbio de sistema por outro máis xusto e igualitário, un sistema para as persoas e non o diñeiro.

Poñamo-nos pois a iso.


Outras opinións interesantes


No hay comentarios: