A empresa de estudios comerciais e de opinión Alfa Demoscopia ten o pésimo costume de contratar en precario ás traballadoras e traballadores que realizan enquisas para os seus estudios. Cando paga, faino cun enorme retraso, co pretexto de que a empresa aínda non cobrou eses traballos das empresas que lles fixeron os encargos.
A CNT de Ferrol emprende unha campaña de denuncia das condicións de traballo en Alfa Demoscopia, pois debe varios traballos a afiliadas deste sindicato, e a empresa négase a abonalos pretextando unha vez máis que aínda non os cobrou.
Di ben pouco da seriedade desta empresa pirata o feito de contratar a traballadores sen as mínimas garantías de solvencia, até o punto de que ás veces paga os traballos ás súas asalariadas só cando ten que contratalos para outro encargo.
Curiosamente, unha das áreas de traballo de Alfa Demoscopia é a da realización de estudios de opinión sobre "clima social laboral"; pouca fiabilidade deben de ter tais estudios cando as persoas que os elaboran están traballando en pésimas condicións laborais e sen ter a seguridade de que van cobrar os seus salarios. Pola nosa parte, denunciamos a situación de precariedade das traballadoras e traballadores de Alfa Demoscopia e esiximos a regularización das persoas que traballan para a empresa e o pago de todos os salarios que aínda teñen por cobrar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario