21 feb 2012

Outra reforma laboral e os sindicatos do Reximen de paseo


Abarata o despedimento, crea novas modalidades de contratos lixo e dá máis facilidades para o descolgue dos Convenios por parte das empresas, ofrece facilidades para realizar despedimentos colectivos e, propón medidas de presión para que os traballadores enfermos non se dean de baixa e crea máis bonificacións para os empresarios, ademais promove novas normas para facilitar o despedimento do persoal laboral do sector público.
Tras o Decretazo do 30 de Decembro de 2011 no que se aprobou un drástico recorte do gasto público, a subida do IRPF, a conxelación do emprego público e o posterior e bochornoso acordo de CCOO, UXT e a CEOE de 25 de xaneiro de 2012, que estableceu que durante os próximos anos os traballadores continuaremos perdendo poder adquisitivo e que os empresarios terán moito máis poder para cambiar ao seu antollo as condicións laborais dos traballadores, sufrimos agora esta nova arremetida do Goberno contra os dereitos dos traballadores.
Reforma tras reforma, paso a paso, sen présa pero sen pausa, o gran capital e os monicreques que se turnan á fronte do Goberno para defender os seus intereses (González, Aznar, Zapatero, Rajoy) proseguen cos seus plans para desmantelar paulatinamente os escasos dereitos que aínda nos quedan aos traballadores.
Xa anunciaran que sería unha Reforma agresiva e efectivamente éo, esta reforma reduce a indemnización por despedimento dos contratos indefinidos de 45 días por ano e 42 mensualidades como máximo a 33 días por ano e 24 mensualidades, amplía as causas do despedimento obxectivo con indemnización de 20 días por ano, -as empresas poderán acollerse a esta modalidade simplemente alegando que levan tres trimestres consecutivos en situación negativa-. Establécese para as empresas de menos de 50 traballadores unha nova modalidade de contrato indefinido que ten un período de proba dun ano (durante o período de proba o empresario pódeche despedir sen ningunha indemnización e sen ter a necesidade de alegar ningunha causa), desregulariza o contrato a tempo parcial (permitirán que os traballadores a tempo parcial poidan dar horas extras), equiparan aos voitres das ETTs cos servizos públicos de Emprego, dáse maior poder aos empresarios para modificar as condicións laborais, poderán cambiar a xornada laboral e aplicar a mobilidade funcional, ata entre distintas categorías profesionais, facilita que os empresarios poidan descolgarse do acordado nos convenios colectivos, a prórroga automática dos convenios terá unha duración máxima de dous anos, facilítanse os despedimentos colectivos, as empresas xa non terán que ter autorización da Administración para realizar Es, os traballadores en paro que cobren prestacións terán que realizar traballos en beneficio da comunidade, as mutuas patronais terán máis poder para controlar e presionar aos traballadores que se dean de baixa, modifícase o sistema de formación para o emprego, establécense novas bonificacións á contratación para os empresarios; e como única contrapartida a toda esta batería de medidas contra os traballadores, prohibirase o encadenamiento indefinido de contratos temporais que recentemente aprobara o goberno de Zapatero.
En definitiva, é unha reforma que amplía e profunda as mesmas medidas fracasadas que viña aplicando o goberno de Zapatero. É un insulto á intelixencia pretender que nos creamos que abaratar e facilitar o despedimento pode crear emprego, ou que para frear a sangría do Paro o mellor é "redimensionar o sector público" despedindo a miles de traballadores laborais, ou que a mellor aposta pola calidade do emprego e a modernización da negociación colectiva sexa retroceder ao modelo de relacións laborais do século XIX.
Esta reforma non só non axudará a crear emprego senón que producirá máis paro, máis precariedade laboral, peores salarios, e unha salvaxe deterioración das condicións laborais. É unha reforma inxusta, inmoral e ilexítima que ataca frontalmente os máis elementais dereitos dos traballadores, xa que logo, desde CNT chamamos a todos os traballadores á rebelión e a loita contra esta nova agresión.
Secretaría de Prensa e Comunicación

No hay comentarios: