22 dic. 2012

A CNT denuncia na Arxentina o xenocidio franquista






Galiza. 21 Decembro, 2012 - 08:50
http://www.cntgaliza.org/?q=node/1453

A Confederación Nacional do Traballo ven de presentar este 19 de decembro na Arxentina unha denuncia contra os crimes do franquismo, dentro do proceso que se tramita nese país contra o xenocidio cometido polo réxime dende 1936 ata 1977. Deste xeito, a CNT-AIT súmase ás accións emprendidas ante os xulgados arxentinos por parte de familiares de asasinados e desaparecidos, asociacións de recuperación da memoria histórica e demais entidades comparecentes no procedemento.
    A CNT pretende así sacar á luz a represión sufrida pola organización e o Movemento Libertario dende o golpe militar do 18 de xullo de 1936 ata a promulgación da Lei de Amnistía de 1977, unha lei que pretende pasar páxina aos mais de 40 anos dun réxime instaurado pola forza e baseado na violencia física e social. O seu máximo dirixente e executor, o xeneral Francisco Franco, contou para isto coa colaboración de diferentes sectores militares, financeiros, políticos e eclesiásticos católicos, todos eles implicados na autoría e dirección do golpe.
    A CNT entende que esa Lei de Amnistía incumpre de xeito flagrante a normativa internacional, especialmente no que atinxe aos capítulos de xenocidio e desaparición forzada. Coincide nisto coa Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, que pediu formalmente o pasado 10 de febreiro a súa derrogación ao Goberno de España, por entender que incumpre a normativa internacional sobre Dereitos Humanos e impide, en particular, entre outros, o dereito de reparación.
    Comparecida como denunciante, a central anarcosindicalista aporta milleiros de nomes dos seus militantes represaliados polo franquismo, testificacións e declaracións de testemuñas presenciais e superviventes, así como documentación relativa ao espolio e incautación de bens mobles, inmobles e contas bancarias pertencentes á CNT.
    Ao longo das súas trescentas páxinas, a denuncia de CNT enumera os capítulos da represión sufrida polo anarcosindicalismo dende os primeiros momentos do golpe ata os procesados no famoso TOP (Tribunal de Orde Público), pasando polos asasinados, desaparecidos e torturados, os campos de concentración, os batallóns de traballo e as foxas comúns que o Estado español segue aínda sen recoñecer e dignificar.
    A CNT-AIT proclama pública e enerxicamente, fronte a un esquecemento cómplice, o seu desexo e interese en pór de manifesto e difundir o desastre que supuxo a instauración do franquismo, así como os esgazadores impactos que xerou á organización confederal ser carnada preferente da acción represiva deste réxime totalitario durante decenios. Un balance obxectivo do relatado, transcorridos xa case tres cuartos de século do golpe militar e unha vez consultada a numerosa bibliografía especializada sobre a Guerra Civil española, verque as seguintes dramáticas cifras, algunhas delas baseadas incluso en fontes oficiais do goberno franquista: 50.000 fusilados, 73.000  asasinados en retagarda, 30.000  desaparecidos, 500.000 internos en campos de concentración, 10.000  falecidos en campos de concentración, 300.000  encarcerados e un número indeterminado de violacións, raptos e roubo de nenos.
    Os indutores e responsables directos do golpe planearon ao pormenor no só o push militar, senón unha verdadeira estratexia de terror que quedou plasmada en diferentes documentos ideolóxicos, estratéxicos e tácticos que a CNT cita na súa denuncia. Na mesma expóñense datos substanciais corroborados tanto oral como  documentalmente  por  parte  de investigadores da propia CNT-AIT, profesores universitarios e publicacións ao efecto realizadas por grupos de investigación de memoria histórica, nas que se consideraron documentos  oficiais,  declaracións  persoais e informacións procedentes  de represaliados e familiares, que moitas veces nin constan no corpus legal nin nos rexistros da propia administración.
    O informe non é nin pretende ser exhaustivo neste punto, pero si é fiel plasmación e traza indicativa da realidade que ocorreu en todo o territorio español. Por isto, optouse por presentar series estatísticas da represión a membros da CNT-AIT e do movemento libertario, en diferentes provincias ou rexións moi significadas dende o primeiro momento do golpe militar pola virulencia da súa actuación, proceso no que destaca a indefensión xurídica dos procesados, o violento maltrato e segregación do que foron obxecto eles e os seus familiares, a ocultación da chamada represión directa con asasinatos sen previo xuízo, os chamados “paseos” ou asasinatos indiscriminados por parte dos corpos policiais e militantes extremistas de Falanxe ou “Requetés”, as “sacas” das cárceres para proceder ao asasinato de presos mediante falsas liberacións ou a “lei de fugas”, multas e incautación de bens e venda do patrimonio sindical, xerándose así un estado de terror e medo entre a poboación, á que se lle ocultou a existencia de numerosas foxas que hoxe en día seguen emerxendo nun mapa que afecta a todo o país. Unha parte significativa destas foxas, cunetas, covas, minas, desfiladeiros, etc., nos que foron abandonados os corpos de moitos e moitas dos represaliados seguen sen ser catalogadas nin moito menos exhumadas, pese a existires unha inoperante Lei de Memoria Histórica promulgada o 31 de outubro de 2007, que obriga na práctica a familiares, entidades afectadas e grupos de memoria histórica a buscar pola súa conta recursos para proceder á exhumación dos restos, contando en moitas ocasións cunha mínima colaboración xudicial para permitir as mesmas.
    Nos casos nos que foi posible, cunha fiabilidade estimada superior ao 95 %, a información contida sobre represaliados foi verificada con índices onomásticos da Causa Xeral, do Tribunal Nacional de Responsabilidades Políticas, da Comisión Liquidadora de Responsabilidades Políticas, do Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo, do Xulgado Especial de Perigosidade Social e do Ministerio de Xustiza-Dirección Xeral de Prisións, complementándose co cotexo dos informes de defuncións procedentes de Rexistros Civís e libros de defuncións de cemiterios.
    A represión ocorrida de 1966 a 1977 pode cotexarse a nivel xudicial coa documentación do Tribunal de Orde Público T.O.P. (creado o 2 de decembro de 1963 e disolto o 4 de xaneiro de 1977), aínda que aquí a dificultade é maior, xa que a administración, ao existir procesados con vida, entorpece moito a súa consulta. Parte substancial da investigación deste período está por facer, xa que os prazos legais en moitos casos aínda non transcorreron, a pesares de que moitos familiares dos represaliados e represaliadas en segunda, terceira ou incluso cuarta xeración así o estean demandando dende hai tempo. Foron anos nos que o Estado amosou unha gran pericia na infiltración nuns medios confederais moi debilitados tras a guerra e a posguerra, tanto como en prácticas de intoxicación e desprestixio do Sindicato, previas a procesos de escisión auspiciados dende instancias do poder a cuxa fronte se atopaba, entre outros, o que foi ministro franquista de Interior Rodolfo Martín Villa, que destacou por ostentar altos cargos dentro do réxime coma os de Ministro de Relacións Laborais, Procurador en Cortes ou Xefe Provincial do Movemento de Barcelona.
    No tocante ao espolio dos bens do patrimonio sindical, produto do esforzo dos seus militantes por crear una rede de sedes sindicais, cooperativas, ateneos libertarios, escolas racionalistas, colectividades económicas, comedores, etc., a CNT-AIT segue a reivindicar ao Estado español un volume significativo do mesmo, parte do cal foi enaxenado violentamente polo franquismo.
    A CNT-AIT, como organización sindical emblemática dentro da clase obreira española no momento do golpe militar e predominante no espectro laboral en moitas provincias, contaba con cerca de 1.700.000 afiliados, cifra que logo durante o conflito civil medrou coa suma de novos adherentes. Tal posición, sumada aos seus tradicionais enfoques de defensa do traballador, do desfavorecido, do apoio mutuo e do internacionalismo, determinaron que fora obxecto dun ataque selectivo e deliberado por parte dos grupos máis reaccionarios procedentes do estamento político, militar ou relixioso, tendo continuidade dita actuación ata incluso concluída a denominada “transición política” ao actual modelo de monarquía parlamentaria, nos anos oitenta do século precedente.
    Compre dicir con orgullo e tristura que boa parte das cifras indicadas está nutrida con membros da CNT-AIT, que a propia organización estima nunha cifra non inferior  a  un  terzo  dos  fusilados,  asasinados,  desaparecidos, prisioneiros e encarcerados polo réxime franquista. As dificultades, pasadas e actuais, no acceso ás fontes de información relativas á represión do réxime franquista, xunto ao desinterese e indolencia, cando non desidia, do Estado español en afrontar un proceso de memoria histórica que reivindique o recoñecemento e bo nome de todas e todos os represaliados, preséntase como unha labor urxente a realizar.
    A CNT trata agora de intensificar as accións para conseguilo promovendo a maior difusión posible acerca da represión durante o franquismo, de modo que as xeracións futuras ben informadas do ocorrido poidan rexeitar ese tipo de barbarie.  A Confederación pretende estudar en profundidade e pór de relevo os impactos da represión franquista, ata agora nada ben coñecidos na súa integridade, recuperar a  verdadeira  memoria  de  todos  e todas as  que  deron  o seu  esforzo  e a  súa  vida  pola  liberdade, impedir a terxiversación da historia real, recuperar o bo nome dunhas vítimas esquecidas  -moitas veces anónimas- e destacar o  exemplo  desinteresado  de  todos  os confederais e libertarias en xeral que se opuxeron á ditadura. Os nosos  obxectivos  non  poden  ser  outros  que  romper  o  medo  que  aínda  se atopa  asentado  na  sociedade  española  en  relación  coa  memoria  histórica, crebar os múltiples obstáculos que dende a administración se poñen á investigación nesta  temática e difundir entre a poboación, especialmente entre as novas xeracións, o magnífico e xeneroso esforzo que realizaron aqueles e aquelas que loitaron por un futuro libre de tiranías.

No hay comentarios: