21 oct. 2013

CNT secunda a Folga do Ensino do día 24


O vindeiro xoves 24 de outubro os traballadores do sector do ensino así como os estudantes de todas as etapas educativas están chamados á folga en todo o Estado. De novo, o motivo do paro é a continuación dos trámites de aprobación da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Trátase dunha lei fortemente criticada tanto polo seu contido -clasista, competitiva, centralista, sexista, privatizadora...-, como polas súas formas, sendo inherente a todos os gobernos desprezar o debate, rexeitar o consenso na súa elaboración, e ignorar o rexeitamento frontal da maioría da comunidade educativa.
PORQUE @S QUE TOMAN AS DECISIÓNS SÓ BUSCAN OS SEUS INTERESES
Resulta obsceno ver como o goberno de quenda dedícase a impor a súa propia lei educativa. Un exemplo diso é que a LOMCE será a oitava lei que cambia o sistema educativo desde a Lei Xeral de Educación de 1970; isto mostra o afán mercantilista con que a clase política actúa sobre a educación, relegando a un segundo plano a adquisición de coñecementos e a cultura para todos e todas. O obxectivo común de todas estas leis non é outro que o de debilitar a educación pública e igualitaria favorecendo así un sistema de educación privada e elitista xestionada na súa inmensa maioría pola Igrexa.

E ESTAS SON ALGUNHAS DAS SÚAS "LINDEZAS"
- Os recursos destinados a cada colexio non irán en función das necesidades senón da nota media do alumnado.
- A relixión contabiliza para a nota media
- Financiaranse con diñeiro público colexios que segreguen aos alumnos por sexo.
- Non haberá profesor suplente até o 16º día de baixa do docente.
- Os directores/as non serán elixidos pola comunidade educativa senón a dedo pola Administración.
- O Consello Escolar perde calquera poder de decisión e pasa a ser órgano "consultivo".
- Os colexios terán dereito de admisión do alumnado (mellor dito, o director/a, pois só el decide).

PORQUE NOS AFECTA A TOD@S
Agora convócasenos a unha nova xornada de folga ante a cal, desde a CNT, queremos manifestar dúas cousas: por unha banda, todo o noso apoio ao profesorado e estudantes en loita que secunden a folga, por outro lado, tamén pensamos que hai que manter unha postura crítica con esta clase de paro dun día, pois ben é sabido a pouca repercusión e efecto que ten nos que gobernan. É urxente buscar outras fórmulas.

Por iso, a CNT fai un chamamento a afiliados e afiliadas, a simpatizantes e a docentes en xeral a sumarse a esta folga desde o inconformismo e desde o convencemento que as traballadoras e os traballadores do ensino han de comezar a expor unha maneira de actuar máis contundente que lles faga gañar o respecto que o goberno hai tempo que lles perdeu. É un paso adiante e positivo que as traballadoras e os traballadores da educación concertada se sumen á folga e ao rexeitamento á LOMCE, rompendo o divide e vencerás.

PODERSE PÓDESE
Un exemplo a seguir é o caso recente das Illes Balears, onde tivo lugar unha folga indefinida promovida desde as asembleas de traballadores/as á que os sindicatos maioritarios non tiveron máis remedio que sumarse. Ninguén nos dixo o pasado 9 de maio, na anterior folga estatal contra a LOMCE, que este movemento estaba por chegar. Pero perdendo os complexos, organizándose sen tutelas, ilusionáronse como colectivo, conseguiron un gran apoio social e obtiveron mostras de solidariedade de mil e uns recunchos. Todo isto, parando os centros de ensino durante 3 semanas.

A xeneralización de folgas deste tipo ha de ser a vía que pare os pés a déspotas como o Ministro de Educación José Ignacio Wert. Por iso, este xoves iremos á folga esperando que o seu resultado desate unha reflexión similar á que tiveron nas illas con posterioridade á anterior folga contra a LOMCE. É unha necesidade.

A SOLIDARIEDADE É A NOSA FORZA
Tamén é necesario que os pais e nais apoien nesta xornada aos traballadores/as do ensino. O resto da poboación non podemos quedarnos á marxe e debemos sumarnos a defender algo que é un ben común e necesario para todos e todas.

O 24 DE OUTUBRO ATOPÁMONOS NA LOITA!!

No hay comentarios: