24 jun 2015

Festa da Cultura Popular en apoio ao Ateneo Ferrolán



Festa de Cultura Popular en solidariedade co Ateneo Ferrolán – O Seixo
sábado 27 de xuño de 2015

“Nunca choveu que non escampara”
Sociedade Amigos da Paisaxe Galega do Seixo e oAteneo Ferrolán organizan unha festa de arte e cultura no Seixo o vindeiro sábado 27 de xuño. A actividade quere ser unha xornada de confraternización do mundo cultural da bisbarra, convocados en solidariedade co Ateneo Ferrolán. Aínda que o problema do patrimonio do Ateneo parece en vías de solución, a entidade padece aínda problemas económicos derivados das débedas contraídas nos últimos tempos por mor das obras de rehabilitación da súa sede e da falta de calquera axuda por parte do Concello de Ferrol nos últimos catro anos. É por iso que o beneficio económico dos actos destinarase ao Ateneo Ferrolán, para o reflotamento económico dunha entidade de vocación cultural aberta e plural que sempre traballou en estreita colaboración co tecido cultural da cidade. É por iso que o festival conta coa colaboración e participación de entidades sociais e culturais da bisbarra nunha listaxe que crece día a día, e na que até o momento figuran a Asociación Cultural Fuco Buxán, a Fundaçom Artábria, a Asociación Cultural Muiño do Vento, A Revolta de Trasancos, o Colectivo Opaii Radio Filispim, a Asociación Conxeito, o Club do Mar de Mugardos, e a Sociedade O Pote de Maniños.

O Festival ten dúas actividades diferenciadas: unha Feira Cultural que terá lugar no Souto de Beiramar (O Seixo), entre as 14 e as 19 horas, e unha Gala Solidaria, a partir das 20 horas, na Sociedade Amigos da Paisaxe Galega do Seixo.

Feira Cultural contará con actividades como poesía, roteiros, música tradicional, xogos populares, exposicións e diversas actividades, organizadas polas entidades participantes na Festa. Iniciarase cunha comida no fermoso paraxe do Souto de Beiramar ás 14 horas. En caso de choiva a Feira terá lugar nos locais da Sociedade Amigos da Paisaxe Galega.

Gala Solidaria será un festival artístico e musical que se vai desenvolver na Sociedade Amigos da Paisaxe Galega, e na que participarán o Mago Fiz, Lenda Ártabra, Faraway, Trío Blues, Alumnos da Escola da Vaca, Óscar Fojo, Saravá Criôlo, Eugenia Sanmartím, Bitxo Bola, Os Derradeiros e DJ Miguel López.


En breves datas o Ateneo porá á venta as entradas para a Gala Solidaria (5 euros) no seu local e noutros pontos de venta.

No hay comentarios: