15 feb. 2008

Galiza non se vende. A CNT na rúa.




Desde a CNT chamamos á cidadania a participar na manifestación que para este domingo 17 convocan dúcias de organizacións de defensa da terra, con saida desde a Alameda de Compostela às 12 do meio-dia.


Chamamos a participar e amosar na rua a nosa indignación contra a desfeita meio-ambiental que estamos padecendo continuadamente e que semella acrescentara-se nos vindouros anos. Chamamos a participar desde unha visión crítica, contra o capital e contra todos os gobernos, que posibilitan e potencian a situación à que nos vemos arrastrados.


O CAPITAL VENDE A NOSA TERRA Todos os dias vemos a desfeita que se está a perpetrar contra a nosa terra, de esquina a esquina da nosa terra. En Ferrol Reganosa destrue a ria e pon en perigo a vida de milleiros de persoas. No Courel as canteiras de pizarra ameazan destruir tan prezado património natural. Os gobernantes da Xunta trazan un plano de macro-piscifactórias que significará a morte dun sector produtivo para Galiza. Xa case nos afixemos a xigantes da contaminación como ENCE ou As Pontes. Centrais hidro-eléctricas e térmicas sobrepoducen por riba das nosas necesidades para exportar enerxia ao centro industrializado de Europa. As vias do AVE e monstruosas autoestradas entran arrasando todo o que atopan ao paso, planexan-se milleiros de vivendas nas nosas praias, portos deportivos e outras calamidades dentro da aposta decidida da Xunta por vender Galiza como grande destino do turismo. E así tantos e tantos casos.




Esta situación non é casual nen aleatória. É o último estádio dunha política capitalista salvaxe e depredadora. Detrás desta situación está en último termo a avarícia exorbitante dos grupos empresariais, galegos, españois ou multinacionais, que non dubidan ante nengunha desfeita ecolóxica e cultural cando se trata de facer cartos do xeito máis rendíbel, sempre coa connivéncia ou participación directa dos partidos do goberno (BNG, PP, PSOE ou outro que puidese vir). Nesta situación é imprescindíbel unha resposta popular articulada. É necesário sair a rua e amosar a nosa oposición e indignación, mais tamén a nosa vontade de mudar o conto. Debemos identificar aos culpabeis, sinala-los e exixir-lles responsabilidades.


Debemos saber que os culpabeis agochan-se desde sempre nos despachos dos bancos, das grandes construtoras e promotoras, e nos despachos das corporacións municipais, das deputacións e de San Caetano. Debemos ter claro que nengunha variación do goberno pode solucionar esta situación, pois a clase política sempre será defensora dos intereses do grande capital. Levamos anos vendo mudanzas nas cámaras municipais sen que apareza nengún intento de modificación, senon que se aproban PXOM e outros planos cada vez máis agresivos. Anos vendo como os políticos trafican coas deputacións sen que nada mude.


Vende-se-nos unha mudanza de goberno na Xunta como a grande esperanza da clase operária galega e non vemos que se teña deixado de construir, nen que se proiba a multinacionais pesqueiras acabar cos caladoiros naturais, nen que ENCE se fecha-se, nen que se deixa-se de destruir o património cultural e arqueolóxico... Non hai mudanza parlamentar que poida arranxar nada, posto que o poder reside nos centros económicos.


Debemos ser nós, as clases operárias, as que tomemos as rendas da nosa vida e ter claro que, mentres exista, o capital seguirá a vender a nosa terra.


Debemos ter claro que a solución pasa por un outro modelo de explotación dos recursos naturais, máis achegado às nosas necesidades reais de consumo, que cooperativice os sistemas de explotación e distribución.


A solución pasa, en definitivo, pola eliminación dun sistema tan globalmente inxusto como é o capitalismo, e das clases que o sustentan, os políticos de toda cor, e a sua substitución por un sistema que nos teña en conta a tod@s POIS MENTRES HAXA CAPITALISMO GALIZA SEGUIRÁ A SER VENDIDA.

1 comentario:

Suso dijo...

¿Cidadanía?
¿Sociedade Civil?

Eu quedome con outro termo

Pobo
Gustame máis.

Non cambeamos o termo por non toucar nada do texto orixinal.