14 may 2010

A CNT frente aos recortes sociáis do governo.


A Federación Local da CNT de Ferrol manifesta a súa oposición frontal á política de recortes no gasto social e nos salarios dos empregados públicos. Novamente, os traballadores e traballadoras temos que pagar do noso peto o despilfarro da administración, a piratería do empresariado e a desregulación do sector financieiro.

As administracións públicas continúan aplicando a política de privatizacións encubertas e manteñen a maior parte dos gastos innecesarios, comezando polos coches oficiais, axudas ao transporte dos deputados, comidas oficiais e todo tipo de retribucións encobertas dos altos cargos. O empresariado segue ao pé da letra o modelo do seu presidente Díaz Ferrán, que non prescinde do luxo mentres deixa aos traballadores sen cobrar e aos seus clientes sen s servicios que teñen contratados. Pola súa banda, as caixas galegas celebran con champán a súa fusión e preparan o despedimento de centos de traballadores para manter o seu nivel de beneficios, coa bendición de tódalas forzas políticas.

Pídesenos un esforzo a todos os traballadores, mais as administracións, o empresariado e a banca só están mirando por manter os seus privilexios e o único que están dispostos a sacrificar son os escasos dereitos sociais que aínda conserva a clase traballadora. Ameazan coa desaparición da sanidade pública, coa extensión da idade de xubilación, co recorte das pensións e dos salarios, co despedimento libre e co incremento da xornada ata límites intolerábeis. A socialdemocracia e o neoliberalismo amosan claramente que son dúas caras dunha mesma moeda.

A Federación Local da CNT de Ferrol propón que se hai que facer recortes se comece pola supresión total das subvencións a partidos políticos, organizacións empresariais e sindicatos, a retirada de calquera financiación pública ao deporte profisional, a eliminación das subvencións
ás confesións relixiosas, a supresión das axudas aos centros de ensino concertados, a liquidación do orzamento da casa real, a desaparición de axudas directas ou indirectas aos medios de comunicación, a retirada inmediata das tropas de Afganistan e a eliminación do gasto militar, a
retirada da financiación pública á visita do Papa Benedicto XVI, e a paralización de infraestructuras innecesarias e prexudiciais como os portos exteriores da Coruña e Ferrol, a Cidade da Cultura, o AVE, ou o porto deportivo de Masso, entre moitos outros.

Pola súa parte, a Federación Local da CNT de Ferrol anuncia a súa intención de mobilizarse contra todos e cada un dos recortes sociais que se vaian producindo. Ao tempo, chamamos a todas as traballadoras e traballadores a autoorganizarse e traballar colectivamente para loitar contra ás medidas antisociais recentemente aprobadas e ás que se están anunciando.

Ferrol, 14 de maio de 2010
Federación Local da CNT de Ferrol

No hay comentarios: