3 abr 2012

o 29M non foi máis que o comezo (Comunicado)


Tras a xornada de Folga Xeral cun seguimento masivo da clase traballadora, e na que evidenciamos que un bo número de traballadores e traballadoras rexeitan o sindicalismo que veu apoiando o pacto social e a cesión de dereitos, o goberno do Partido Popular aprobou en Consello de Ministros os Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2012.
E non deixan monicreque con cabeza para quen sufrimos nas nosas carnes e necesidades sociais os efectos desta crise estrutural. Así, mentres impón o maior recorte orzamentario levado a cabo nas últimas décadas, sen parangón en ningunha economía europea, a quen a están provocando prémianlles coa amnistía fiscal.
En que nos afectan directamente os recortes orzamentarios á clase traballadora?
  • A quen temos nómina, moi fáciles de controlar polo Estado, increméntannos a porcentaxe de contribución ao "ben común", polo que na nosa declaración do IRPF quitarannos máis.
  • Os salarios da administración pública conxélanse e sóbennos un 7 % o recibo da luz, e un 5% os recibos do gas. A subida exércese sobre unha base salarial dunha media de mil euros. Esteas desempregada, cobrando unha mini pensión, o subsidio ou a prestación de desemprego, o salario mínimo interprofesional, ou simplemente non contes con ingresos estes gastos serán iguais para todos e todas.
  • É dicir, os prezos dos bens de consumo básico continúan subindo, e a nosa capacidade adquisitiva é cada vez menor.
  • Pouco antes da folga xeral CCOO e UXT pactaban coa patronal un novo acordo de moderación salarial. CEOE, CCOO e UXT, establecen directrices para a negociación salarial nos tres próximos anos, segundo as cales a subida de soldos non debería exceder do 0,5 % en 2012 e do 0,6 % en 2013 e 2014.
En que nos afectan os recortes en materia de política social?
  • Elimínase dunha plumada a dotación orzamentaria ao Fondo de Integración de Inmigrantes.
  • Redúcese en 530 millóns de euros, excluíndo as bolsas, a dotación orzamentaria en materia de Educación.
  • Redúcese en 1.557 millóns de euros as Políticas Activas de Emprego.
  • Suprímense os 283 millóns na Lei de Dependencia destinados para convenios coas comunidades, un suplemento regulado por convenio entre o Goberno central e as autonomías para compensar as especificidades de cada rexión (eliminan unha das tres vías de financiamento establecidas pola Lei no seu artº 10)
  • Incrementaranse as taxas xudiciais, aínda por desenvolver, para recursos en segunda instancia. Aínda que se respectará o principio de tutela xudicial efectiva, sendo o indicador económico a ter en conta o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) que no ano 2012 é de 532,51 euros.
Polo tanto, acaban coas políticas activas de emprego, con programas destinados a un sector da poboación, a inmigrante, que require un impulso específico para favorecer procesos de incorporación sociolaboral, liquidan a formación para a poboación desempregada, incrementan as desigualdades rexionais no desenvolvemento da Lei de Dependencia, dereito subxectivo da cidadanía, dificultan a defensa dos dereitos no sistema xudicial cando incrementan as taxas e o indicador económico mensual é moi baixo, co que queda moita xente que cobra algo máis do IPREM pero sen capacidade para asumir os custos de segunda instancia e botan á rúa a traballadores e traballadoras nos sectores de educación, emprego, servizos sociais. Todo iso con consecuencias directas na clase traballadora en xeral e nas mulleres e poboación estranxeira en particular.
E con este panorama para a clase traballadora do estado español, que medidas de axuste establecen para as empresas? Amnistía fiscal; Facenda di que endurecerá o réxime sancionador tributario en 2013, pero con anterioridade permitirá unha regularización extraordinaria de capitais, previo pago dun gravame complementario do 10 por 100 do importe dos bens e dereitos aflorados. Os grandes delincuentes fiscais poderán presentar unha declaración confidencial para regularizar a súa situación tributaria sen ningunha outra consecuencia, incentivando a fraude fiscal.
A través da reforma laboral abarátase o despedimento, e auméntanse as bonificacións fiscais e subvencións ás empresas, continuando coas políticas neoliberais que tanto PSOE como PP viñeron practicando desde a Transición.
Na situación actual, coa Reforma Laboral e axústes orzamentarios pendentes do trámite parlamentario , a clase traballadora cada vez é máis pobre, a exclusión social avanza cada vez máis rápido e, pola contra a clase explotadora é cada vez máis rica. Todo este empobrecimiento grazas ás políticas dos partidos maioritarios.
Cinco millóns de parados e paradas, e en previsible aumento con todas estas medidas: incremento dos despedimentos pola reforma laboral e os recortes orzamentarios, salarios con menor capacidade adquisitiva para asumir os gastos comúns para chegar a fin de mes, familias que soportan a moitos membros en situación de desemprego sen ingreso algún e servizos públicos que empeoran a súa asistencia en calidade e cantidade. Todas estas condicións sociolaborais que nos están abocando á clase traballadora ao aumento da pobreza.
A CNT leva moito tempo denunciando, reclamando e evidenciando esta situación de "crise". A Folga Xeral foi unha ferramenta máis de loita e aviso aos poderes políticos e económicos de que non nos imos a calar, que non nos conformamos cos contínuos atropelos que estamos vivindo.
Agora máis que nunca a solidariedade e o apoio mutuo son necesarios para continuar nos centros de traballo e na rúa defendendo os nosos dereitos sociolaborais.
Traballador, traballadora, loita polos teus dereitos!
Secretariado permanente da C.N.T.

No hay comentarios: