2 abr 2012

A perda das Fragas do Eume, consecuencia dunha nefasta política forestal


Tirado de páxina de Verdegaia
http://www.verdegaia.org/

Dende ADEGA, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia queremos amosar a nosa solidaridade coa veciñanza dos Concellos de A Capela, As Pontes e Monfero que están a padecer as consecuencias directas dos incendios declarados durante a fin de semana e que afectan ao Parque Natural das Fragas do Eume e á zona de Anca. Así mesmo envíamos o noso apoio aos efectivos e persoas voluntarias que están a traballar nas labores de extinción. Sumadas unhas circunstancias meteorolóxicas desfavorables, o lume que afecta as Fragas do Eume é a consecuencia directa dunha política forestal baseada na falta de planificación e xestión forestal, así como o fomento de plantacións con especies que favorecen os incendios.


Segundo a información proporcionada pola Consellería de Medio Rural e do Mar, ata as 14 hs. de hoxe víronse afectadas 750 hectáreas do Parque Natural. Nesta mesma información tamén se falaba de 100 hectáreas na zona de Cabalar (A Capela), pero cremos que se trata dunha información errada xa que outro dos incendios de grandes dimensións que están a asolar a comarca produciuse na zona de Anca-As Louseiras. Varias persoas integrantes destes colectivos comprobaron que houbo un conato de incendio no lugar de Cabalar, pero sen a gravidade que lle atribúe a Xunta de Galiza.

Entre os datos que fomos coñecendo, os técnicos sinalan ata tres focos causantes do incendio que afecta ás Fragas do Eume, é dicir, trataríase dun lume intencionado que coincide no tempo e no espazo co incendio en As Louseiras e co conato de Cabalar, o que buscaría causar o maior dando posible a espazos naturais de grande importancia ecolóxica como son as fragas do río Eume e do río Belelle. A Xunta de Galiza está obrigada a poñer todos os medios e persoal necesarios para deter aquelas persoas que provoquen os incedios, pero tamén é necesario que a sociedade galega rexeite as actividades incendiarias e modifique a “cultura do lume” instaurada nas prácticas agrícolas.

No caso do parque natural, o incendio está a afectar zonas de Reserva Natural, e de maior interese ecolóxico, zonas de fragas, zona de repoboacións con especies alóctonas e zonas de mato e pasteiros.

Aínda que os responsables políticos, nomeadamente Alberto Núñez Feijoó, destacan xunto a intencionalidade do incendio, as condicións climatolóxicas de vento e escasez de humidade, ADEGA, SGHN e Verdegaia queremos salientar que as dimensións deste incendio non poden entenderse se non é tendo en conta outros factores referentes as políticas ambientais da Xunta de Galiza:

A declaración como Parque Natural no ano 1997 non foi suficiente para que se tomaran as medidas necesarias que garantiran a súa conservación. A día de hoxe non conta co obrigado Plan Reitor de Usos e Xestión nin cun programa forestal, o que favoreceu que as Fragas do Eume sufran un paulatino proceso de eucaliptización e crecemento de especies alóctonas. Un exemplo o temos nos terreos afectos polo incendio: unha das zonas calificadas como de Reserva Natural está rodeada por zonas de repoboacións (eucaliptais, piñeirais, etc.), multiplicando o risco de que o lume chegue ás zonas máis sensibles.

A Xunta primou en Galiza o investimento en medios de extinción en detrimento da prevención, feito que non supuxo reducir o número de conatos e incendios. As Fragas do Eume, como veñen manifestando tempo atrás técnicos da propia administración, presentan zonas practicamente inaccesibles debido ao abandono dos montes. Cando as circunstancias climatolóxicas son moi desfavorables, coma acontece actualmente, eses medios de extinción atopan grandes dificultades á hora de loitar contra os lumes. Se a isto sumamos que nos últimos tempos os brigadistas critican a precariedade laboral e a falta de medios coa que traballan, ademais da aposta da Xunta por reducir o persoal encargado do coidado dos espazos naturais, atopamos unha situación de grave perigo que ameaza aos nosos montes e que nos últimos meses está a castigar duramente moitos dos nosos espazos protexidos: LIC Macizo Central, ZEPA A Limia, Reserva da Biosfera de Allariz, LIC Ancares-Courel, etc. No caso das Fragas do Eume, o chamado da Xunta de Galiza ao exército pon de manifesto a incapacidade de afrontar unha circunstancia previsible de diferentes incendios cos medios e persoal existentes.
Queremos facer un chamado de atención sobre o réxime hídrico do río Eume, moi afectado pola detracción de auga para o enchido do oco da mina de As Pontes. Descoñecemos, debido á falta de información proporcionada por Augas de Galiza, se o proceso de enchido está a cumprir co obrigado caudal ecolóxico nun momento de seca como o actual. O menor caudal do río Eume podería estar a reducir a evapotranspiración, contribuíndo a unha menor humidade no ambiente e a un maior risco de incendio en espazos que, como as fragas, soen verse pouco afectadas polos lunes gracias ao seu elevado nivel de humidade.
Perante a gravidade dos acontecementos, os colectivos asinantes esiximos a convocatoria urxente da Xunta Consultiva do Parque Natural Fragas do Eume como primeiro paso para elaborar un plano a través do cal se avalíen os danos sufridos e se establezan as medidas de restauración dos espazos e a dotación económica axeitada. Do mesmo xeito, consideramos imprescindible a convocatoria do Consello Forestal e do Consello Galego de Medio Ambiente.

No hay comentarios: