11 jul 2012

Mineiros


A CNT quere expresar a súa máis profunda solidariedade cos mineiros en loita polos seus postos de traballo. Apoiamos as mobilizacións na rúa que os traballadores das concas estiveron levando a cabo estas semanas e cuxas marchas conflúen agora en Madrid.
Rexeitamos o intento dos medios de comunicación de soslaiar, cando non criminalizar, unha vez máis, a mobilización social, mentres se oculta a situación nas concas mineiras, tomadas polas forzas represivas. Rexeitamos a detención dos traballadores no exercicio do seu dereito a loitar pola súa vida e a da súa comunidade. Rexeitamos o intento pola clase política de lavarse a cara póndose a máscara de ecoloxista mentres manteñen unha política enerxética e económica que permite construcións babilónicas no litoral e que cada día anuncia un novo rescate aos bancos e un novo ataque aos traballadores.
A CNT é a primeira en recoñecer que o carbón é unha fonte de enerxía ecoloxicamente insustentábel, como o son as centrais nucleares, a dependencia dos combustíbeis fósiles, o fomento do transporte motorizado e da grandes infraestrutura, pero o discurso ecoloxista que lles vén ben agora non cadra coas súas políticas dos últimos anos. Non teñen ningunha intención de deixar de consumir fontes contaminantes e non renovábeis, creando alternativas locais como a solar ou eólica senón que continuarán importando doutros lugares do mundo, sumando a sucidade do combustíbel fósil co transporte para facerlle chegar ás nosas costas, ao que hai que engadir as situacións de explotación e inseguridade laboral en que viven os traballadores onde se extrae.
A CNT aposta por un modelo económico local, autosuficiente, sustentábel e autoxestionado polas propios traballadores e traballadoras, no que podamos construír alternativas a un sistema que nos destrúe, e que non nos dá xa máis opción que o paro masivo e o traballo precario, ao ditado dos mercados e dos burócratas de quenda.
Para a CNT as medidas adoptadas contra os mineiros son un ataque máis contra os traballadores, suma e segue, tras o recorte das pensións, a reforma laboral, os recortes, os despedimentos, os ERE, por iso é hora de estender e conectar as loitas. Cando avanzamos cara aos seis millóns de parados e paradas, e fronte a un recorte de dereitos sen precendentes, a resposta nas concas mineiras debería contaxiarse a outros sectores e colectivos, facendo da solidariedade de clase, a folga, a confrontación na rúa e a mobilización social masiva nosas ferramentas.
Sólos non podemos, xuntas si.

No hay comentarios: