31 ene. 2013

15F - Xornada de acción: Que o paro non te pare!



A CNT convoca para o próximo día 15 de febreiro unha xornada de acción contra o paro dentro se campaña "Que o paro non te pare!".Nesa data os sindicatos da CNT sairán á rúa e impulsarán accións pola repartición do traballo e da riqueza.
CNT considera que o paro obreiro non deixou de crecer como resultado das políticas económicas de gobernos dun ou doutro signo, que asumiron como prioritarios o pago dunha débeda ilexítima e o sostemento dos beneficios da patronal e da elite financeira, ao que dedican millóns de euros, fronte ao benestar e os dereitos da maioría da poboación. Para iso, continúan impulsando políticas de recortes e reformas laborais que facilitan e abaratan os despedimentos.
Para CNT o paro está a alcanzar niveis dramáticos, por encima do 25%, moito maiores en determinados territorios, sectores ou franxas de idade. Con todo, os gobernos seguen recortando as prestacións e subsidios por desemprego, xa de seu insuficientes, aos que se suman os previstos nos Orzamentos para 2013, onde mesmo a miseria do Plan Prepara desaparece a partir de febreiro, agudizando as consecuencias do desemprego, que se traduce en desafiuzamentos ou na imposibilidade de facer fronte ás necesidades máis elementais. Os continuos recortes nos servizos públicos, na sanidade, na educación e nos servizos sociais, agravan aínda máis a situación para os traballadores e traballadoras sen recursos.
Desde CNT entendemos que estas políticas poñen en evidencia que o paro, en contra do discurso oficial, é a última das súas prioridades, xa que permite á patronal conseguir, baixo a ameaza do despedimento, continúa redución dos salarios e o empeoramento das condicións de traballo, obxectivo último da reforma laboral, aprobada agora hai un ano.
En CNT pensamos que nada podemos esperar dos gobernos na loita contra o paro, nada das súas promesas para a xeración de emprego, pouco ou nada do sindicalismo institucional que durante anos aceptou os e despedimentos, mentres participaba do negocio da formación e a orientación laboral.
En CNT apostamos por que sexamos os propios traballadores/as quen nos organicemos, especialmente os directamente afectados por esta situación, facendo do sindicato unha ferramenta útil na loita contra o paro, rexeitando frontalmente os despedimentos. Esiximos medidas radicais contra o desemprego, a repartición o traballo e a riqueza, para garantir o benestar para todos e todas, o que en última instancia non será posible sen un cambio radical de modelo económico e social.
Por todo isto, CNT chama a mobilizarse contra o paro o próximo 15 de febreiro, a organizarse, a saír á rúa e impulsar accións esixindo:
  •     A redución da xornada laboral a 30 horas, sen rebaixa salarial
  •     O adianto da idade de xubilación a 55 anos
  •     A oposición frontal a todo tipo de ERE´s e despedimentos, loitando e defendendo cada posto de traballo
  •     Unha cobertura universal digna para todos os desempregad@s.

No hay comentarios: