No numero 268 do xornal "Betanzos e a súa comarca" do mes de Novembro, apareceu unha colaboración de Xesús Torres Regueiro, veciño e coñecido historiador desta vila. Xesús Torres é ademáis ex-presidente da Asociación Cultural Eira Vella, e un dos promotores das Xornadas da Memoria realizadas nos meses de Setembro e Outubro. No texto que reproducimos abaixo, Torres adica unhas liñas a homenaxear e lembrar aos cenetistas betanceiros do 36. Gracias Suso polo teu traballo e a tua honestidade como historiador e as tuas palabras de liberdade.
Destecendo "sombras na memoria"
Un "percorrido polos lugares da memoria" baixo unha chuvia inmisericorde que rematou por apiadarse dos participantes, con música e poesía, pechou, polo momento, os actos que a Asociación Cultural Eira Vella veu dediando á represión franquista en Betanzos nos meses de setembro e outubro. Proxección de películas e documentais, charlas e conferencias a cargo de historiadores e familiares directos dos represaliados, conformaron un programa presidido por ese tremendo debuxo de Manuel Crestar, alusivo aos asasinatos cometidos polos sublevados fascistas en Betanzos e que o debuxante betanceiro conseguiu publicar no Madrid resistente de 1937 como un gráfico berro arrepiante de dor esixindo xustiza.
Fusilados sen causa previa, fusilados tras consellos de guerra, "paseados" nas cunetas e nos muros do cemiterio, asasinados en plena rúa... Trinta e tres (¡33!) é a cifra escalofriante (menos para algúns tontos que reducen a vida a fríos tantos por cento) das vítimas betanceiras daquela represión feroz e asasina. Trinta e tres betanceiros, traballadores e mozos a maioría, que a paciente pruma de Ramón Beade foi recollendo no seu agocho para a memoria e que publicaría en folleto (que debería estar en todas as bibliotecas e cerebros betanceiros) o Centro Betanzos de Buenos Aires cando aquí non se podía. Trinta e tres betanceiros, sen cargos nin responsabilidades a maioría, que o Centro Betanzos (outra vez máis) inmortalizou en praca broncínea para lembranza permanente do terror fascista por todos aqueles que traspasaban o umbral da súa casa social: "Betanzos honra a sus mártires caídos en defensa de la República".
Sí, o Betanzos emigrante, o Betanzos que disfrutaba de liberdade, honrounos. mais, honrounos o betanzos nativo cando, por fin, puido disfrutar de liberdades demócraticas? Non. Optouse, como no resto do estado español,por un silencio espeso,pactado, de medias verdades, coa participación mesmo dalgúns familiares das vítimas que, de calar tanto tempo, xa se tiñan habituado e preferiron o silencio.
Vae victis! Ai, dos vencidos! Algúns deles son lembrados dende hai algún tempo no nomenclator viario: o vello Bernardo Miño, os alcaldes López da Torre e Ramón Beade (este, sen unha casa que o poida nomear nun hipotético remite e cunha praca pensada máis en homenaxear ao xerarca de turno que ao teeórico homenaxeado). Iso sí, todos socialistas. Ningunha lembranza municipal para outros alcaldes republicanos: Montoto, Cancela,Novo. Canta autoridade tivemos para tan pouco tempo! Un tempo de "desorde", segundo a versión franquista. E ningunha lembranza para os que non eran alcaldes nin a súa ideoloxía lles permitiría selo: os da CNT, traballadores humildes, verdadeiros protagonistas da resistencia e do holocausto betanceiro: unhas vinte, das trinta e tres vítimas betanceiras da sublevación franquista eran mozos sindicalistas da CNT.
Con todo, os tres únicos lembrados, os socilistas Miño, López da Torre e Beade, campan en pracas da periferia urbana. Mentres, no rueiro máis céntrico están presentes (Presentes!) alcaldes do franquismo: Becaría, Tomás da pena. Despois de case trinta anos de democracia. Os vencedores,aínda que cheguen despois, ocupan o mellor. Äs veces, como neste caso, para ficar.
Tampouco despois de tres décadas de democracia houbo unha homenaxe pública a aqueles tres socilistas con praca,explicándolle á cidadanía a dimensión da súa figura histórica e humana, senón que os seus nomes metéronse sen máis nun lote con outros de ben diverso matiz e pelaxe, como pasando de puntiñas para non seren notados. E os seus supostos herdeiros políticos tempo tiveron para facerlla:cinco lexislaturas (vinte anos!) no goberno municipal con maioría absoluta, arestora perdida.
Tivo que sera agora (ano 2006, ano da memoria, así declarado institucionalmente, a stenta anos dos feitos) unha modesta e pequen asociación cultural, consciente de que a cultura sen memoria histórica non leva a ningures ou remata sendo unha cultura elitista e baleira, a que por fin descorrese as "Sombras na memoria". Aínda que moitos non se enteirasen ou non se quixeran enteirar, e segan a preferir que certas sombras permanezan. Non sabemos se por non incomodar (a quen?), por medo, preguiza, ou comodidade apoltronada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario