Recibimos esta invitación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña. Aproveitamos para desde Betanzos Libertario darlles os nosos parabens polo traballo que están a desenvolver na comarca herculina.
Este día 3 de marzo cúmplense os setenta anos do intento de fuga polo Portiño, o feito máis dramático de todas cantas fugas por mar intentáronse no noso País. Queremos lembrar pois tal data, na que morreron moitos homes, tanto nesa mesma noite do 3 de marzo, como nos meses posteriores, consecuencia do xuizo sumarísimo á que foron sometidos ós que caeron nas mans dos represores. Os pesqueiros "Generoso" e "José Linares" ós levarían fora de Galiza, para salvalos do cerco no que estaban sendo acorralados. Abortada a fuga, resultaron 28 detidos, outros ficaron alí mortos, afogados; algúns salvaron momentanemente a vida para rematar sendo atopados, ou outros con máis sorte, lograron fuxir noutra ocasión ou voltar de novo a seus agochos. Moitos dos detidos morrerán fusilados no Campo da Rata en outubro, e outros serán condeados a cadea perpetua. Todo por tratar de fuxir; poucos eran cadros destacados de sindicatos ou partidos, os máis, simples militantes, da CNT na súa maioría, obreiros mozos que fuxían da morte ou de calquera outra das formas de represión de seus verdugos. A fuga foi artellada pola organización coruñesa do "Despertar Marítimo", que conseguiu rachar co cerco en diversas ocasións, máis non en esta. Quixeramos convidarvos a todos os mulleres e homes de ben que quixerades lembrar tal traxedia nas nosas costas.
Así, venres, día 9, as 19.30 h., no Peirao do Portiño, do barrio de S. Pedro de Visma da Coruña, lembraremos aquela data. Para a ocasión, nos acompañarán ELISEO FERNÁNDEZ, XURXO SOUTO E MANUEL RIVAS. Colaboran no acto os "Mariñeiros do Portiño", e a Asociación de Escritores en Língoa Galega. Agardamos poder contar con vosa presencia
Un saúdo
Presidencia da CRMH de A Coruña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario