Na foto: Segundo pola esquerda: José Moreno nunha cooperativa formada por despedidos das folgas coruñesas dos anos 30.
O día 11 de agosto comenzará no concello asturiano de Grandas de Salime a exhumación dunha decena de militantes (a maior parte deles galegos e da CNT) asasinados en outubro de 1937.
Cando Asturias caeu en mans das tropas nacionais, en outubro de 1937, os combatentes que formaran parte do Batallón "Galicia" decidiron retornar cara a Galiza para tentar agocharse ou pasar novamente á zona republicana. Dende as montañas asturianas viñan camiñando a pé cara ao porto do Acebo, nas cercanías da Fonsagrada. Alí foron sorprendidos por falanxistas e gardas civís, cos que tiveron un enfrontamento. De resultas do combate resultou morto un falanxista da zona. Os combatentes do Batallón "Galicia" foron detidos e executados, sendo enterrados nunha foxa común na parte asturiana do Acebo, no concello de Grandas de Salime.
Entre os asasinados estaba José Moreno Torres, comandante do Batallón, e destacado militante anarquista, que ocupara cargos no Comité da CNT galega, na Federación Local Obrera da Coruña e dirixira o xornal "Solidaridad Obrera". Outros destacados militantes anarquistas que se supón que foron tamén asasinados no Acebo estaban Emilio Novás Naya, organizador da Federación Comarcal Campesina de San Pedro de Nós, Manuel Ramos Escariz, cadro do Sindicato de Industria Pesquera de Cariño, Serafín Varela Platero, integrante do Sindicato General de Trabajadores de Lugo, e Maximino Martínez Fernández, presidente do Sindicato de Campesinos y Oficios Varios de Pontenafonso.
A exhumación será levada adiante pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Extraído da web de Union Libertaria de Ferrol.
No hay comentarios:
Publicar un comentario