O vindeiro sábado 2 de Febreiro, a Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido” e a Editorial “Difusora de Letras, Artes e Ideas” de Ourense, presentarán o libro Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República. Album de Guerra, da autoría de Rogelio Arca Rivas e Dionísio Pereira.
O acto terá lugar na Antiga Cámara Agraria de Cerdedo, ás 19 h 30. Nel intervirán, ademáis dos autores:
· Xurxo Pantaleón, do Proxecto Interuniversitario “As Vítimas, Os Nomes, As Voces”.
· Xavier Paz, de “Difusora de Letras, Artes e Ideas”.
· Claudio Rodríguez Fer, poeta e profesor da Universidade de Santiago.
· Representante da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia
Haberá proxección dunha colección de fotografías dos canteiros da Terra de Montes que participaron na defensa do Madrid republicano no ano 1937.
O libro é o resultado das vivencias dun canteiro de San Martiño de Figueroa (Cerdedo), Rogelio Arca Rivas. Fillo de "paseado" en Cerdedo (o seu pai Francisco Barca, cenetista, foi asasinado polos falanxistas cerdenses na Ponte do Barco-Pedre o 13 de agosto de 1936), fixo toda a guerra civil nas Milicias Confederais. Malia que tivo que pasar por un campo de concentración en Teruel e nun Batallón Disciplinario en Lugo, Rogelio conseguiu salvar o seu Diario de Guerra e 40 fotografías que fixo cunha pequena Kodak aos seus compañeiros da 39 Brigada Mixta, case todos eles canteiros de Cerdedo e Forcarei, nas Tapias do Pardo en plena defensa de Madrid, correndo abril de 1937.
Agora, mercé a "Verbo Xido" e á Editorial "Difusora das Artes, Letras e Ideas", podemos salvar anacos do Diario devandito e as fotografías, que conforman un verdadeiro Album de Guerra.
A maiores, a presentación do libro será un acto entrañábel de homenaxe a Rogelio, que aos seus 94 anos, segue a ser un referente ético nunha zona onde o caciquismo e os estómagos agradecidos son lexión.
Mais unha vez, convidamos a todos os amigos e amigas de "Verbo Xido" a asistir a un acto, no que a camaradería e o librepensamento están por riba de calquera outra consideración.
Contamos con todos e con todas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario