As manifestacións, que terán lugar o 25 de febreiro, teñen como obxectivo ir xuntando forzas de cara á gran mobilización convocada para o vindeiro 21 de marzo en Madrid. A manifestación partirá ás 20:00 desde a Porta do Camiño.
As Marchas da Dignidade volven á rúa para amosar a súa oposición ás políticas antipopulares e antiobreiras impostas desde o FMI, o BCE e a UE e seguidas ao pé da letra polos gobernos de Rajoy en Madrid e Feijoo en Galicia. Unhas políticas que están levando á pobreza e á exclusión social a sectores cada vez máis amplos da clase obreira co único obxectivo de salvagardar as plusvalías da Patronal e os intereses da Banca, e que contan, ademais, co silencio cómplice das grandes centrais sindicais sistémicas: CCOO e UXT.
O pasado 22 de marzo, no 2014, un millón de persoas manifestámonos en Madrid convocadas por centos de organizacións sociais, sindicais e cidadáns para protestar pola situación de explotación, miseria, recortes e ataques aos dereitos máis básicos que estabamos a atravesar. Alí estivo a Columna Galega apoiando a necesidade de combater tanta agresión.
Transcorrido un ano, as condicións de vida do pobo, provocada polos gobernantes, fieis lacaios do capitalismo máis voraz e desapiadado, e os seus cómplices nas súas políticas de desmantelamento dos servizos públicos e dos dereitos sociais, non variaron nin un átomo, agás as maquillaxes electoralistas interesadas. Máis ben, polo contrario, segue medrando a dor e o desastre por todos lados tras anos de políticas contrarias ao pobo, co incremento da pobreza e da represión.
Volvemos a Madrid o próximo 21 de marzo para denunciar que a complicidade entre o FMI, o BCE e a UE cos poderes políticos e empresarias leváronnos a unha situación terrible:
• No estado español o 25% da infancia sofre desnutrición e mesmo hai moita xente que pasa fame.
• Hai máis de dez millóns de persoas pobres, cobrando menos de 600 euros ao mes, 700.000 familias sen ingresos e máis de tres millóns de persoas sen emprego e sen prestacións.
• Hai 5,5 millóns de persoas no paro, e quen ten a sorte de asinar un contrato, o fai en condicións de precariedade impostas, moitas veces na obriga de antepoñer a necesidade de supervivencia a propia dignidade.
• Desaparecen dereitos laborais básicos, nos impoñen a xornada, a categoría e o salario. Os contratos dignos, con salario suficiente, pasan a ser historia.
• Conxélanse as pensións e endurécense as condicións para chegar dignamente á xubilación.
• Reprímese selectivamente a sindicalistas e activistas sociais, así como as súas organizacións, resultando ducias de persoas condenadas á cadea por manifestarse ou secundar folgas, e impóñennos milleiros de multas que buscan romper a mobilización popular.
• Milleiros de persoas son expulsadas das súas vivendas.
• Négaselles asistencia sanitaria a millóns de persoas, chegando a negar medicamentos que poden supoñer a curación de enfermidades mortais.
• Condénase a mocidade á emigración.
• Entrégase o territorio, a auga..., a Natureza, á voracidade depredadora do capital, destruíndo o medio e o futuro.
• Destrúese a economía agraria e pesqueira.
• Execútanse políticas crueis, xenófobas e inhumanas coas persoas inmigrantes.
• Entréganse os servizos públicos ao capitalismo, que busca obter beneficio a costa do deterioro do servizo e da nosa dor.
• A resposta a esta iniquidade, xeneralizada, supón apostar pola insubmisión ás súas leis, deseñadas para favorecer aos poderes e intereses amigos, e aos seus, loitar e recuperar a dignidade como pobo, seguir mobilizándonos, e pasar á ofensiva.
Polo tanto:
• Dicímoslles aos poderosos que xa abonda de nos roubar: vivendas, empregos, salarios, pensións, saúde, educación e os dereitos imprescindibles para levar unha vida minimamente digna.
• Berramos que xa abonda de espoliar os nosos dereitos básicos: a liberdade de manifestación, a liberdade de expresión, a liberdade de folga, a liberdade sindical, a liberdade de defendernos firmemente das súas agresións e enfrontarnos aos seus intentos de deixarnos sen presente e sen futuro.
• Combatemos radicalmente o seu sistema corrupto, xerador de desigualdades abismais e de inxustiza social.
• Negámonos a aceptar o seu concepto de débeda, que pretende atraparnos nunha escravitude perpetua.
• Reivindicamos e esiximos unha sociedade xusta, libre, e igualitaria para termos unha existencia merecente de ser vivida.
E por todo isto, seguimos esixindo:
• A restitución ao pobo dos 120.000 millóns entregados ao poder financeiro.
• A derrogación da lexislación laboral e de pensións que tanta dor teñen espallado entre a clase traballadora.
• A reversión das medidas destrutoras, privatizacións, desmantelamento e recortes dos servizos públicos, tanto en sanidade como en educación, en servizos de emerxencia, en comunicacións e transporte publico (ferrocarrís, transporte urbano, correos) e en enerxía.
• Contratos fixos e salarios suficientes para ter unha existencia digna.
• A redución da semana laboral a 30 horas, para poder traballar todos e todas e fomentar a igualdade e o reparto de tarefas no centro de traballo e no fogar.
• A fixación de salarios e pensións mínimas dignas, en contía suficiente que permita a independencia económica das persoas perceptoras.
• O retorno ao ámbito da xestión pública das empresas de sectores esenciais para a vida (enerxía, auga...), e dos servizos sociais e sanitarios.
• O dereito á vivenda digna inembargable
• O dereito á libre decisión sobre a saúde sexual e reprodutiva, incluído o aborto con carácter libre e gratuíto.
• A retirada da Lei Mordaza.
• A promulgación de políticas que desenvolvan a nosa agricultura, a nosa pesca, e o noso medio ambiente, como sectores estratéxicos e sustentadores da vida.
Seguimos mobilizándonos, e camiñamos para construír unha sociedade máis xusta e por iso, a Columna Galega das Marchas da Dignidade confluirá coas do resto do estado en Madrid o vindeiro 21 de marzo.