En breves iremos poñendo todas as convocatorias da CNT neste 1 de Maio en Galicia. Adiantamos que haberá actos en Ourense, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Lugo, Compostela e Ferrol.
Neste 1 de Maio demostraremos a solidariedade con todos os compañeiros/as represaliados pola sua actividade sindical, especialmente coa compañeira despedida en COREMAIN- VODAFONE e cos 18 encausados do sindicato de Ferrol.
Manifesto do 1 de Maio
Enfrontámonos a unha das maiores ofensivas contra os dereitos e as condicións de vida da clase traballadora. Instaláronnos, desde hai anos, nunha situación de crise permanente que serve de xustificación para todo tipo de agresións e recortes de dereitos.
O paro creceu até os 6 millóns de traballadores e traballadoras, e segue sumando, como resultado das decididas políticas de destrución de emprego impulsadas polo goberno ao ditado da patronal e das institucións financeiras internacionais, e funciona como coacción permanente para facilitar o noso pregamento aos recortes de salarios e dereitos impostos pola patronal.
Unha débeda ilexítima, que nos non contraímos, é axitada polas institucións europeas e os gobernos para xustificar os recortes e o desmonte dos servizos públicos máis básicos, e constitúese en mecanismo de chantaxe permanente contra os sectores máis débiles da sociedade.
O sistema político e económico que nos dominou durante os últimos 30 anos, fai augas e está en bancarrota, evidenciando de forma cada vez máis cotiá o seu feroz carácter de clase, e o conflito entre unhas políticas cada vez máis agresivas contra os sectores populares, practicadas de forma moi similar polas distintas opcións políticas cando alcanzan o goberno, e o discurso "democrático" que serve para xustificalas.
A corrupción, que forma parte intrínseca deste sistema, esténdese polas principais institucións e faise máis evidente ante a dificultade de continuar as dinámicas especulativas que durante anos engrasaron o sistema e contentaron aos distintos grupos de poder, ante a incapacidade de xerar novas burbullas especulativas que axitar como cenoria ante a clase traballadora para que continuemos sostendo o sistema.
Desde o goberno preténdese que este negro panorama instale nos sectores populares a deseperación, o medo e a parálise, os mellores aliados do poder.
Por contra desde CNT, neste primeiro de maio, dicimos que é hora de dicir basta e de loitar, pero non podemos facelo desde o armazón sindical institucionalizado, imperante durante todos estes anos, cómplice durante anos das políticas que nos levaron á actual situación, asinante de sucesivos pactos para recortar os nosos dereitos e instalado na concertación e a cesión permanente. Atascado na súa dependencia do poder, o sindicalismo institucional é incapaz de enfrontar de forma contundente, sostida e coordinada ou sequera honesta os ataques máis graves que os traballadores e traballadoras estamos a sufrir.
Por iso, este primeiro de maio, símbolo da dureza dos ataques que os traballadores e traballadoras sufrimos ao longo da historia, pero tamén da nosa resistencia e da nosa loita pola nosa emancipación, da nosa capacidade de organizarnos e de transformar esta sociedade, chamamos, desde a CNT, a reforzar as resistencias contra estas políticas, a afirmar a necesidade de organizarse doutra maneira, e a construír desde a unidade dos traballadores e traballadoras, ferramentas de loita e un movemento obreiro forte, eficaz e contundente na defensa dos dereitos da clase traballadora.
Un primeiro de maio de 2013 no que avancemos para romper cunhas regras do xogo que non son as nosas, cambiemos o taboleiro e construamos desde xa a alternativa, desde a acción directa, a solidariedade, o apoio mutuo, a autoxestión, desde a autonomía radical fronte ao goberno e a patronal.
Este primeiro de maio de 2013, a loita continúa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario