15 jun 2013

A CNT na comarca de Ferrol.



As traballadoras e traballadores das bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal estamos xa fartos de enganos e mentiras, pois levamos desde os anos 80 escoitando a toda a cláse política que están traballando pola bisbarra, que os plans de reindustrialización van revitalizar a zona e que fiquemos tranquilos que eles xa o amañarán todo.
Mais esto vai cada vez a peor. Moitos empresarios viñeron beneficiarse de subvencións millonarias, a destruir a paisaxe con recheos e polígonos, a contaminar as rías e destruir as fragas, mais trinta anos despois só están deixando un rastro de desemprego e desolación. A xente nova cada vez emigra mais nova e os que están en activo traballan máis horas por menos salario. Non sabemos que ía ser de nós sen tanta axuda!!!

Até nos outrora respetados estaleiros chegaron os recortes. As prexubilacións favoreceron aos que estaban en activo mais prexudicaron a toda a bisbarra, pois os postos de traballo de calidade na empresa principal foron substituídos por postos de traballo precarios nas empresas auxiliares, e agora nin tan sequera iso, pois até estas empresas desapareceron ou marcharon da bisbarra.

O sector da construcción está en quebra total, o naval paralizado, as auxiliares afogadas, o eólico desfeito, e a maior parte das grandes empresas da bisbarra están en crise, con ameaza de peche. E aínda hai sivergonzas que nos queren facer ver que estamos saíndo desta, que a crise vai pasando.

Mais os que estamos pagando esta crise sabemos que vai ser mói difícil voltar atopar traballo na nosa terra, que moitas das portas pechadas xa no abrirán, que os fillos terán que ir lonxe a gañar a vida, e que as persoas que queden van traballar en condicións cada vez peores, en xornadas máis longas, con menos salarios e en condicións máis indignas.

Podemos ficar na casa agardando que escampe; podemos permitir que moitos empresarios que fixeron a súa fortuna nos anos das vacas gordas continúen facendo ostentación do luxo; podemos permitir que os bancos continúen estafando aos aforradores e arruinando ao país; e podemos confiar nos políticos que van amañalo todo na oposición e que din que non hai outra cando chegan ao governo.

Mais tamén podemos dicer que non; que non estamos dispostos a humillarnos máis para que veñan a estafarnos empresarios especuladores; que non imos sacrificar a riqueza natural desta terra para servir aos buitres das finanzas; que esiximos poder participar no deseño das políticas industriais que nos afectan; que imos mobilizarnos até que sexamos respectados polo empresariado e os políticos; que imos dar a batalla posto por posto, para defender o noso traballo, os nosos dereitos e a nosa dignidade. Que non se xoga coa clase traballladora!!!

12 de xuño de 2013
Sindicato de Oficios Varios da CNT de Ferrol

No hay comentarios: