26 ago 2013

A precarizacion do traballo de Socorrista nas praias


Son xa 15 o número de persoas falecidas nas praias de Galicia este verán. Se ben a prensa fala de afogados, ben é certo que non todas estas mortes tiveron como causa principal o afogamento, senon que en moitos casos tratáronse de afogamentos precedidos de infartos, golpes de calor, etc. Nembargantes esta alarma lévanos a pensar na seguridade nas nosas praias e principalmente, como sempre que hai accidentes nos espacios acuáticos naturais, na figura do socorrista e da súa labor para previr na medida do posible este tipo de accidentes.

Cada temporada de verán ocorre o mesmo na maior parte dos concellos galegos: terán tódalas praias socorristas?, cantos socorristas se contratarán?contratará o concello, unha empresa ou será voluntariado?, cal será o seu salario ou horario?, qué condicións laborais terán?...e un larga lista de preguntas derivadas dos vacíos legais que acompañan a esta profesión e coa que se enfrontan a redor de 700 persoas cada verán en Galicia.

A día de hoxe non existe aínda lexislación algunha que regule esta figura profesional nen un convenio marco que estableza e garanta unhas condicións laborais dignas e iguais para toda Galicia. Isto fai que a situación destes profesionais atópese envolta dunha gran inseguridade e precariedade laboral, xa de por sí inestable pola seu carácter temporal.

Debido a este vacío lexislativo, as persoas que aspiran a un posto de socorrista en praias atópanse cada verán con diferentes tipos de selección, contratación e condicións laborais en función do concello ou empresa contratadora de que se trate. Deste xeito, non cobra  o mesmo nin teñen as mesmas condicións laborais un socorrista de Bergondo, un de Miño, un de Pontedeume ou un de Ferrol, tendo o traballador/a que aceptar sen máis a cantidade que se lle paga e as condicións que se lle ofertan dependendo de onde se presente.

Un dos exemplos máis claros da vulnerabilidade na que se atopa esta profesión puidémolo constatar este ano no concello de Ferrol. Neste concello o servicio de socorrismo está xestionado pola empresa concesionaria Tragsatec, filial de Tragsa, a cal pretendía rebaixar o salario dos socorristas cerca de 200€ e aumentar un día de traballo á semana. Ante isto o colectivo de socorristas seleccionados plantáronse de xeito que se negaron empezar a traballar ata que recuperaran as condicións do ano pasado. Finalmente conseguiron recuperar o salario exisido, pouco máis de 900€, mais pudo non ser así.

Cómpre dicir que curiosamente a mesma figura profesional que traballa en instalacións deportivas como poden ser as piscinas climatizadas acóllese ó Convenio de instalacións deportivas que, aínda sen chegar a ser o proprio da profesión, polo menos regula a súa actividade.

Doutra parte estase constatando neste sector o mesmo que en outros servicios públicos nos que se está a dar unha marcada tendencia ó recorte de persoal e material coas súas derivadas consecuencias e perxuízos para a cidadanía.
Son moitas as praias concorridas en Galicia que non contan cun servicio de socorrismo ou no que éste empeza a funcionar tarde (nos casos máis extremos teñen empezado  a mediados de xullo) debido a falta de presuposto ou a dependencia da chegada de subvencións que o sustenten económicamente e permitan a posta en marcha do servicio. Coma sempre, é cando algo ocorre cando se fala do que se tiña que ter feito ou do mal xestionadas que están as cousas. Logo veñen as mortes, os accidentes e os arranxos fora de tempo, nun sector onde de nada serve o de "máis vale tarde que nunca".

Socorristas afiliados á C.N.T. (agosto 2013)

No hay comentarios: